O barrio de San Francisco en Ourense celebra as súas festas este fin de semana con música e feira
O barrio de San Francisco, unha das zonas históricas e con máis carácter de Ourense, prepárase para vivir un fin de semana de celebración. As tradicionais festas, organizadas e financiadas polo Concello de Ourense, levarán a cabo os días 4, 5 e 6 de outubro, ofrecendo aos veciños e visitantes unha ampla programación de actividades lúdicas e musicais.

A programación incluirá tres grandes citas con orquestras, o xénero preferido do alcalde Gonzalo Pérez Jácome. O venres 4 de outubro, o grupo A Gramola dará inicio ás festividades cun concerto que se prolongará desde medianoite até as 4:00 da madrugada. O sábado 5, a recoñecida orquestra París de Noia actuará desde as 23:30 até as 2:30, seguido da actuación dun DJ para pechar a noite. Finalmente, o domingo 6 de outubro, o grupo Orixe porá fin aos eventos musicais cunha actuación programada de 19:00 a 22:00.
Durante os tres días de festas, tamén se instalarán diversas atraccións de feira, pensadas para que tanto pequenos como maiores poidan gozar da diversión en familia. Estes eventos están deseñados para atraer aos habitantes do barrio e a visitantes doutras zonas de Ourense.
O barrio de San Francisco, situado ao noroeste do centro histórico de Ourense, é coñecido por albergar o convento de San Francisco e o parque do mesmo nome, un dos pulmóns verdes máis importantes da cidade. Nestas datas, o barrio adquire unha vida especial, con veciños e turistas percorrendo as súas rúas cheas de tradición.
Escribe o teu comentario