Filloas anuncia un concerto para o 14 de marzo na Sala Soar de Santiago de Compostela
O artista galego arrinca o ano na capital despois de esgotar as entradas no seu último concerto en Vigo.
Despois de pechar 2023 ao grande, Filloas quere pór a primeira bandeira en 2024 tamén ao grande. O lugar escollido é a Sala Soar de Santiago de Compostela e a data o vindeiro xoves 14 de marzo ás 22 horas, momento no que comezará a soar os ritmos da banda urban-pop-punk que está a se facer un nome propio no panorama musical do país.
Tras irromper con forza na escena galega, Filloas aterra agora con este show que leva por nome 'Filloas: confundiu Compostela con Dark Souls (Ta raiado)'. Cunha estética coidada nas súas promocións, pegadas á animación xaponesa, a formación liderada por Iago Galego Ferreiro anuncia que o concerto contará con "varias sorpresas", un "novo formato de directo" e "cancións inéditas".

Coas entradas á venda tanto online como presencialmente en Alita Cómics, Filloas promete unha "festa" que será "máis tola e máis bailable que nunca...en definitiva, máis Filloas".
Escribe o teu comentario