Rimas e ritmos en Malatesta contra a guerra en Gaza: Deus Ke Che Crew, Rebeliom do Inframundo, High Paw...
A icónica sala compostelá celebrará o próximo 26 de xaneiro unha reunión dos mellores grupos de rap de Galicia para pedir a paz entre Israel e Palestina.
Pasaron xa máis de tres meses desde que o estalase a guerra na Franxa de Gaza. Un conflito que, doutra banda, leva moitas décadas deixando titulares e un interminable reguero de vidas humanas. Todas as iniciativas por pór o foco sobre a necesidade dunha paz duradeira nesa parte do globo son sempre benvidas, e agora son os artistas os que toman a palabra.
Será o vindeiro venres 26 de xaneiro, na Sala Malatesta de Santiago de Compostela, onde as voces máis coñecidas do hip-hop do país actuarán baixo a lema 'Cultura Contra a Barbarie'. O concerto solidario, programado para unhas dúas horas de música, contará coas actuacións de Deus Ke Che Crew, Rebeliom do Inframundo, High Paw, Ninguén González, C. Mirazo, Yslem e TIAM Gz.

Iván Prado será o encargado de dirixir este concerto benéfico organizado pola #ONG Pallasos en Rebeldía e Culturactiva S. Coop., ademais de coa colaboración da Sala Malatesta, Galicia por Palestina e BDS Galicia. Tamén será significativo o testemuño de Sara Ashour, palestina residente en España. "Todos os artistas súmanse a esta iniciativa de maneira altruísta para pór voz á solidaridade do pobo galego co palestino", explican os organizadores, que apostilan que o diñeiro das entradas investirase para o envío de axuda humanitaria para entidades palestinas.
"A masacre actual, sumada a décadas de opresión ao pobo palestino, deixará unha marca indeleble nas xeracións futuras. Desde a organización destacan o poder transformador da cultura como medio para transmitir solidariedade e conciencia social. Este concerto representa un acto de resistencia cultural, onde a música e a arte únense para expresar solidariedade e rexeitar a barbarie", apostilan no seu comunicado sobre a que será xa a sétima gala solidaria desta clase e que xa contou con miles de apoios.
Escribe o teu comentario