A Mesa denuncia ante o Consello de Europa "a oferta positiva cada vez menor" da lingua na comunidade

A plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística reprendeu ao Goberno de Galicia e ao do Estado por permitir os "incumprimentos" á Carta Europea das Linguas.


|

A Mesa denuncia ante el Consejo de Europa los
Foto: EP


 

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou ante o comité de expertos da Carta Europea das Linguas do Consello de Europa os "incumprimentos" que sofre o galego por parte da Xunta e do Goberno do Estado tanto en educación como en xustiza.

Nun comunicado, A Mesa explica que, no acto, ademais, participaron a Asociación de Medios en Galego (Amega), Prolingua, Axunta (Eo-Navia) e Fala Ceibe do Bierzo. Previamente, Amega e A Mesa mantiveron unha reunión con representantes políticos galegos no Parlamento español.

A entidade sinala que o informe presentado ao Comité de avaliación da Carta Europea das Linguas incide no "incumprimento" da resolución previa emitida en 2019 polo Comité de Ministros europeo, que reclama á Xunta e ao Goberno español suprimir as limitacións á educación en galego en Galicia, emendar a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso deste idioma a solicitude dunha das partes, mellorar o uso do galego na Administración do Estado e incluír o galego no Estatuto de Asturias.

No caso da educación, censura que "non só non se derrogou o decreto 79/2010 para eliminar as restricións ao uso do galego en materias como matemáticas, física e química e tecnoloxía, senón que o programa de libros de texto dixital EdixGal non permite que as materias que se poden impartir en galego conten con materiais para facelo. Ademais, apunta que a Xunta se negou reiteradamente a recibir a proposta da maioría de representación da comunidade educativa (sindicatos, ANPAS, MRPs) e A Mesa para elaborar un novo decreto.

Respecto da xustiza, critica a negativa do Estado a modificar a Lei orgánica do Poder Xudicial para permitir o uso do galego a petición dunha das partes, xunto á imposibilidade de empregar o galego no programa Minerva Nox que a Xunta traslada aos xulgados, o que obriga ao funcionariado a traducir formularios e documentos que si están en castelán e limita o uso do galego. Xunto a iso, A Mesa denuncia, tamén a existencia de directrices da Dirección xeral do Rexistro do Ministerio de Xustiza que impiden a tramitación normal da restauración dos apelidos do galego.

Respecto dos outros ámbitos que contempla a Carta, a Mesa trasladou ao Comité de expertos as dificultades para o uso do galego na Administración Xeral do Estado, que non require o coñecemento de galego para prestar servizos en Galicia ou que apenas conta con versións en galego nas súas webs a partir do primeiro nivel.

A isto, indicou A Mesa, engádense os retrocesos na Administración autonómica, onde a oferta positiva en galego é cada vez menor, incluída a oferta online.

Neste sentido, lembrou ao Consello de Europa que máis do 60% das queixas que recibe a través da 'Liña do galego' teñen que ver coa administración pública, co SERGAS en primeiro lugar.

En relación á vida social e económica, A Mesa denunciou o "incumprimento" na Carta na lexislación con "máis de 200 disposicións legais que obrigan ao uso do español". "Continúan sendo extremadamente difícil ou imposible abrir unha conta bancaria ou contratar un seguro en galego", sostén A Mesa.

En relación aos medios de comunicación, A Mesa lamenta a discriminación e arbitrariedade á que a Xunta somete aos medios en galego. "A exclusión do único xornal impreso en galego das axudas aos medios de comunicación serve para ejemplificar unha actitude que se estende a dixitais e emisoras de radio e televisión", apunta.

A Mesa denunciou, xunto ás entidades representantes do galego do Eo Navia e O Bierzo, as maiores dificultades que sofre o galego nestes territorios, por non contar con amparo legal a pesar da instancia que o Comité de Ministros fixo en 2009 para o recoñecemento do galego como lingua oficial nestes territorios.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE