O Festival PortAmérica amplía o seu cartel e suma a Juanes, León Benavente, Guadi Galego, Ilegais e Besmaya
O festival de Portas regresará do 4 ao 6 de xullo cunha proposta que crece coas últimas confirmacións sobre o escenario e nas cociñas.
A lume lento está a cocerse unha das festas máis grandes do verán en Galicia e en todo o norte peninsular. O Festival PortAmérica presentara todo un menú degustación no seu primeiro avance do cartel, que inclúe a fenómenos como Aitana, Xoel López, Arde Bogotá, Vetusta Morla, Rodrigo Cuevas ou Milo J. Lonxe de crer que con isto xa estaría, os organizadores, Esmerarte Industrias Creativas, aderezan o prato cunha nova tirada de confirmacións que inclúen sabor internacional e do país.
A primeira gran confirmación é a de Juanes, triunfador da última edición dos Latin Grammy, celebrada por primeira vez en Sevilla, co premio ao Mellor Álbum de Pop/Rock. O artista Colombiano chega a Galicia facendo gala dunha traxectoria de envexa na industria musical pero cun percorrido aínda moi longo por diante.
Non estará só sobre o escenario, xa que outras bandas de referencia, como Ilegais ou León Benavente foron dous pratos fortes que, no entanto, serven para abrir boca mentres esperamos que chegue o día de volver á Azucreira de Portas. Besmaya, dúo revelación do pop, e Guadi Galego, que regresa aos escenarios tras máis dun ano de ausencia, completan a listaxe de novos membros do festival portamericano.

No entanto, non son as únicas incorporacións. Se atendemos ao apartado gastronómico, vemos que saltan novos nomes ás cociñas do festival. Artur Martínez, de 'Aurt' de Barcelona, Diego Guerrero, do madrileño 'Despeak', Roberto Ruíz, do tamén da capital 'RRMX', Nagore Irazuegui e Rodrigo Fonseca, tamén de Madrid, Maca de Castro, do restaurante homónimo de Alcudia, Yolanda León e Juanjo Pérez, do 'Cocinandos' leonés, e Diego López, de 'A Molinera' de Lalín, supoñen as últimas fichaxes para dar para comer a uns famentos festivaleros, que hoxe mesmo terán unha nova oportunidade de facerse cunha tirada de entradas despois de que os últimos lanzamentos voasen en cuestión dunhas poucas horas. A partir das 14 horas na web do festival estarán dispoñibles os novos abonos, que prometen durar o mismito que os seus irmáns.
Escribe o teu comentario