O San Froilán 2023 toma forma: A M.Ou.D.A, Cidade Xara, Baiuca, Luar na Lubre...
As primeiras confirmacións do programa cultural na cidade amurallada demostran que a música é, un ano máis, a pedra angular do San Froilán.
Coa chegada do outono, Lugo engalánase para a súa festa máis grande e emblemática. O San Froilán, que se celebrará na cidade amurallada do 4 ao 12 de outubro, comeza a perfilar o seu cartel cunha programación onde a música ocupará un espazo predominante, tendo en conta que outras moitas actividades iranse dando a coñecer co paso dos días.
Até agora, o Concello de Lugo confirmara as actuacións do cubano de Elíades Ochoa e da formación Cidade Xara para os días 5 e 7 de outubro respectivamente. Maite Ferreiro, á fronte da área de Cultura, confirmou hai uns días as datas, así como as do grupo Dupla, para o 5 de outubro, e do compositor catalán Triquell, para o 4 de outubro.
Agora, foi Rubén Arroxo, tenente de alcalde, o que desvelou as novas confirmacións para as festas que "continúan cunha proposta de concertos de artistas coñecidos e emerxentes con diversos estilos e xéneros musicais para que todas as persoas de Lugo e as que se acheguen poidan gozar de actividades do seu gusto".
Os grandes nomes desta nova quenda son Luar na Lubre, un clásico da música galega que actuará na Praza de Santa María o 9 de outubro ás 21 horas, e os burgaleses da Marabillosa Orquestra do Alcol, máis coñecidos como A M.Ou.D.A., que sairán a escena na Praza Horta do Seminaria o 11 de outubro ás 22 horas, día no que tamén actuará Viva Belgrado.
Aínda quedan máis dunha vintena de concertos por dar a coñecer, pero tamén se suman á lista Baiuca e Enredadas, que actuarán no Domingo dás Mozas nos escenarios da Horta do Semninario e a Praza de Santa María, respectivamente.
Escribe o teu comentario