Un operativo contra o narcotráfico sáldase con case 6 quilos de cocaína intervidos e 7 detidos en Carballo

O dispositivo permitiu desmantelar unha organización criminal dedicada ao tráfico de estupefacientes na zona de Carballo.


|

Drogas carballo
Foto: @g24noticias

 

Case 6 quilos de cocaína intervida, uns 7.000 euros, sete detidos e catro rexistros domiciliarios foi o balance dun operativo conxunto realizado pola Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira, que permitiu desmantelar unha organización criminal dedicada ao tráfico de estupefacientes na zona de Carballo (A Coruña).

Segundo informaron fontes policiais e da Axencia Tributaria, a investigación iniciouse a finais do pasado ano, cando un vehículo que estaba a ser vixiado (por sospeitar que se empregaba en actividades de tráfico de drogas) foi interceptado na AG-55, en dirección a Carballo, cando regresaba de Madrid.

Os axentes atoparon no coche máis de 5 quilos de cocaína en 'caletas' e procedeuse á detención do ocupante do vehículo. A partir de aí, levou a cabo unha profunda investigación para pescudar o destino da droga incautada e os implicados no transporte e posible distribución.

Deste xeito, os investigadores tiveron coñecemento da existencia dun grupo criminal liderado por un home asentado en Carballo, no que cada membro tiña unha función asignada. O xefe do grupo contaba con numerosos contactos no ámbito do tráfico de estupefacientes e establecera unha gran rede de clientes.

Para atender á demanda, contaba con varios subordinados, ademais de establecer medidas de seguridade e un férreo control sobre a distribución da droga, incluso indicando de maneira precisa a súa porcentaxe de ganancia en cada venda e a porcentaxe que correspondía aos seus 'axudantes'.

As pescudas permitiron identificar a todos os membros do grupo criminal e, o pasado 12 de agosto, procedeuse á realización de catro rexistros simultáneos en Carballo.

En total, o operativo, desde o inicio da investigación, saldouse con sete detidos, e interviñéronse case 6 quilos de cocaína en roca (e varias doses preparadas para a súa venda), 7.000 euros en efectivo, dous vehículos, e útiles para a preparación da droga.

A intervención foi levada a cabo por axentes da UDYCO da Coruña, GRECO Galicia e o Grupo de Información Rexional de Estupefacientes de Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira de Galicia. 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE