Investigado un home como presunto autor de varios furtos e lesións en supermercados de Oleiros
Unha vixiante de seguridade do establecemento observou a acción e interceptouno á saída, solicitándolle que a acompañase, nese momento o home tentou zafarse da vixiante causándolle a rotura dun dedo da man esquerda
A Garda Civil do posto principal de Oleiros investiga a un home, de 65 anos, como presunto autor de varios delitos de furto e lesións en supermercados da localidade.
Segundo informou o Instituto Armado, os feitos sucederon en decembro do pasado ano nun supermercado da localidade cando o home retirou as alarmas de máis dunha decena de envases de xamón de landra, valorados en case 150 euros, e ocultounos entre a súa roupa coa intención de subtraelos.
Unha vixiante de seguridade do establecemento observou a acción e interceptouno á saída, solicitándolle que a acompañase. Foi nese momento cando o home tentou zafarse da vixiante, causándolle a rotura dun dedo da man esquerda, para posteriormente fuxir do lugar.
A Garda Civil identificou ao presunto autor, un veciño da localidade de Cambre, e tamén lle atribuíron outros feitos similares en diferentes supermercados da zona.
Escribe o teu comentario