Accidente laboral en Curtis: un traballador de 60 anos morre ao caerlle encima o portal dunha nave
A vítima, veciña de Teixeiro, sufriu o golpe do portal metálico por causas que aínda se descoñecen.
Pesar no polígono industrial de Curtis, na Rúa F, onde esta mañá tivo lugar un fatal accidente laboral que acabou coa vida dun traballador de 60 anos veciño de Teixeiro. A pesar da intervención dos equipos de emerxencia, só puideron confirmar a morte do operario.
INVESTIGACIÓN EN CURSO
Os feitos sucederon pasadas as 14 horas deste luns, nunha nave industrial da localidade coruñesa. Alí, segundo o 112 Emerxencias Galicia, a vítima foi esmagada polo portal da nave, que veu abaixo por motivos que aínda non se deron a coñecer.
Inmediatamente mobilizouse ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, así como aos Bombeiros de Betanzos e aos GES de Curtis. Tamén efectivos da Garda Civil desprazáronse ao lugar, onde os equipos de rescate só puideron confirmar a morte do traballador.
Nestes momentos hai aberta unha investigación para aclarar as circunstancias nas que se produciu o accidente mentres que os equipos desprazados aseguraron a área para evitar máis riscos na contorna da nave industrial.
Escribe o teu comentario