Un morto e dous feridos nunha colisión entre dous vehículos en Carnota
Até o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Cee, do GES de Muros, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061
Un home perdeu a vida e outras dúas persoas resultaron feridas tras producir unha colisión entre dous vehículos na estrada AC-550, ao seu paso pola localidade coruñesa de Carnota.
Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro ocorreu no quilómetro 28 desta vía, na parroquia de Lira, pasadas as 17.00 horas deste venres.
Os equipos de emerxencias excarceraron ao falecido e á persoa que viaxaba de acompañante no mesmo vehículo, unha menor duns 14 anos que posteriormente foi evacuada en helicóptero medicalizado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Mentres, o condutor do outro turismo implicado foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.
Até o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Cee, do GES de Muros, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Tamén participan nos operativo membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carnota e persoal de mantemento da estrada.
Escribe o teu comentario