Ratifican cinco anos de condena a un home por estafar 164.000 euros a uns familiares de Arxentina
Segundo recolle a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, os feitos remóntanse ao 2013, cando unha familia que vivía en Arxentina, por mor dunha herdanza recibida en España, converteuse en titular de varias contas bancarias en entidades españolas
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (#TSXG) ratificou a condena de cinco anos e medio de cárcere a un home por apropiar indebidamente de máis de 164.000 euros duns familiares que vivían en Arxentina.
Segundo recolle a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, os feitos remóntanse ao 2013, cando unha familia que vivía en Arxentina, por mor dunha herdanza recibida en España, converteuse en titular de varias contas bancarias en entidades españolas.
Unha das vítimas púxose en contacto co acusado, que é o seu primo, para que lle xestionase a compra dunha vivenda en España e, así, investir parte dos fondos dos que era titular xunto aos seus fillos.
Para poder realizar a compra, o procesado pediulles un poder amplo que se formalizou en outubro de 2013. Así, en maio de 2014 o acusado adquiriu unha vivenda situada na Coruña con praza de garaxe e cuarto de bicicletas por un importe de 145.500 euros, que se fixo efectivo a través de dous cheques bancarios.
Cumprido o mandato encomendado, e a propósito de que excedía o que lle pediron, facendo uso do poder referido, sen informar nin dar conta aos seus representados realizou operacións á súa conta por valor de máis de 164.000 euros.
Ademais, para xustificar a súa actuación e "ocultar o verdadeiro destino" das disposicións que fixo, confeccionou varios documentos que, realmente, non se correspondían con ningunha operación realizada.
A Audiencia da Coruña condenara ao home a cinco anos e medio de prisión por un delito de apropiación indebida e a outros dous anos por falsidade en documento mercantil. A súa esposa tamén estaba procesada pola acusación particular, pero os maxistrados consideraron que non fora partícipe dos feitos.
Ambos presentaron senllos recursos de apelación ante o TSXG, que nun novo fallo desestimounos.
Escribe o teu comentario