Noriega recoñece que o tentaron para ser candidato á Xunta e que Villares conseguiu consenso

|

Villaresmareanoriegabeiras


O alcalde de Santiago de Compostela e un dos referentes de Anova e as confluencias, Martiño Noriega, publica xunto ao xornalista Daniel Salgado A contradición permanente, unha crónica política que promete ser "incómoda", en palabras dos seus autores.


Entre as 260 páxinas de conversación, Noriega, confesa as razóns de por que non acudiu á última asemblea de En Marea e non acompañou a Luís Villares na súa elección como portavoz do partido rupturista.


"Villares toma a decisión de acompañarse dunhas determinadas persoas para dirixir un espazo que non é asimilable a un partido tradicional. Eu díxenlle que aí non o podía acompañar politicamente. Nestes momentos da miña vida, sitúome máis polas cuestións que me provocan rexeitamento que polas que quero impulsar", apunta no libro con portada do fotoperiodista Óscar Corral e que o rexedor compostelán dedica, ademais de á súa parella e filla e a Compostela Aberta (candidatura pola que é alcalde), a Beiras: "sístole e diástole no latexo desta historia".


As páxinas remóntanse, cronoloxicamente, á ruptura do BNG na asemblea de Amio, en 2012, e lembran tamén a escisión en Anova dun grupo --Cerna-- que conformaban os que ata entón eran estreitos colaboradores de Beiras. Este último feito acaba por volver saltar coa última asemblea de En Marea, pois despois da marcha de Cerna na lexislatura anterior (2012-2016), que supuxo a ruptura de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), este grupo político volve aparecer no partido da confluencia e son novos aliados de Luís Villares.


FERREIRO PROPUXO A VILLARES


O maxistrado, actual portavoz de En Marea no Parlamento autonómico, foi apoiado no verán de 2016 polos tres alcaldes das mareas nas cidades --Jorge Suárez, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega--. Ao longo das páxinas, Noriega xustifica que os tres rexedores propuxesen un nome para desbloquear a situación que se vivía entón (en que Podemos Galicia nin sequera se sumara á candidatura de confluencia para as autonómicas de 2016) e revela que, aínda que foi a proposta deles tres, a "primeira" persoa que llo nomea é Xulio Ferreiro.


"A min a primeira persoa que me fala de Villares é Xulio (Ferreiro, alcalde da Coruña) nun encontro na Coruña, cando asinabamos unha carta de compromiso coa Rede Apego de concellos pola normalización lingüística. Pero de forma informal (...). Tamén había sectores de Anova que pensaban nel. Pero despois cónstame que Xosé Manuel (Beiras) ve que pode ser un nome e que na medida en que Marea Atlántica ou Xulio entenden que pode ser, iso facilita todo", explica na conversación con Daniel Salgado.


CANDIDATO Á XUNTA


Ademais, Daniel Salgado tamén interpela a Martiño Noriega se o seu nome estivo encima da mesa para ser candidato á Xunta da confluencia, respecto do que o rexedor compostelán revela que "houbo rolda de contactos".


Con todo, explica que as "presións" non foron tantas coma cando decidiu presentarse á alcaldía de Santiago e por iso, nesta ocasión --engade--, foille máis fácil manterse no cargo que ocupaba e desempeña na actualidade.


"Tentóuseme desde case todos os ámbitos. Pero non houbo unha, digamos, campaña de presión como a que houbo para o Concello de Santiago. Pero eu reiterei que a decisión de vir a Compostela era unha decisión moi sopesada. Non podía deixar un proxecto coma unha candidatura de unidade popular na capital do país ao ano e medio de chegar", desvela no libro, no que engade que "todo o mundo entendeu que sería forzar moito".


"PUNTO DE INFLEXIÓN"


O libro, que foi escrito entre finais de 2016 e outubro deste ano, xorde da conversación de ambos os autores e da observación dun "punto de inflexión" despois dos últimos procesos electorais. Tamén, explicaron na rolda de prensa, da necesidade de deixar por escrito o ocorrido nos últimos anos e de tratar de explicar os acontecementos do xurdimento de novas fórmulas políticas, como foron as mareas tras o 15-M.


Unha conversación sen "censura" e da que os autores se mostraron seguros que causará "incomodidade" nun momento histórico que "é incómodo". E son "conscientes das consecuencias", dixo Noriega na rolda de prensa en que se deu a coñecer o libro, que se presentará ao público na Librería Couceiro de Santiago o 28 de novembro.



relacionada Yolanda Díaz: "Estamos divididos pola metade e é difícil construír así"
relacionada Antón Sánchez e Villares: "A unidade popular constrúese todos os días"
relacionada A fractura interna de En Marea, tan viva coma antes do último conclave

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress