A fractura interna de En Marea, tan viva coma antes do último conclave

Yolanda Díaz aposta por "refundar" a confluencia mentres Villares non ve "motivo de calado" para que "ninguén se descolgue".


|

Mareaplenario 1Foto do fin do plenario do sábado.


A portavoz de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, ve necesaria a "refundación" de En Marea e considera que, tras o plenario do pasado sábado, o espazo articulado "non está nun bo escenario".


En declaracións a Europa Press, Díaz aludiu a un "retroceso" na concepción da formación, coa convicción de que perdeu "a pluralidade de voces e de actores" que apostaron polo proxecto na asemblea de Vigo.


Preguntada acerca de se este "diálogo" que defende debería culminar cunha gran cita política que evidenciase esta "refundación", replicou que o primeiro "é manter moitos encontros e falar moito" para recuperar "a pluralidade" e os "consensos".


A CONFRONTACIÓN É ORGANIZATIVA


Na mesma liña, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez afirmou este luns que o debate interno "segue aberto" porque aínda non está representada toda a pluralidade do espazo que "debería estar dentro do seo de En Marea".


En todo caso, o rexedor ferrolán considera que é unha confrontación no ámbito organizativo e non no espírito político. Ante esta situación, o rexedor de Ferrol defendeu seguir traballando neste asunto de forma interna. Na súa opinión, co inicio do novo curso político despois do verán "toca traballo exclusivamente político e xa non organizativo".


VILLARES APOSTA POLA INTEGRACIÓN


Luís Villares, aspira a "seguir buscando consensos e integración" para fortalecer En Marea e non ve que exista "motivo de fondo de calado" para que "ninguén se descolgue da unidade popular" que representa un proxecto político que ten "todo por conseguir".


Villares analizou a situación do espazo político da confluencia, en declaracións a Europa Press, despois do plenario celebrado o pasado sábado, no que viu afianzado o seu liderado, ao gañar as teses que defendía, pero no que tamén se evidenciou a fractura interna cuns resultados moi axustados.


E é que o equipo capitaneado por Villares obtivo o respaldo da maioría en todos os debates, pero fíxoo cunha marxe reducida de en torno ao 55 por cento das menos de 500 persoas que se achegaron ata o Palacio de Congresos da capital galega, que albergou esta cita política.


"Consciente" diso, Villares incidiu en que as votacións "nunca poden definir a complexidade" de En Marea, que "sempre" se debe construír "conforme ás regras de consenso e non ás regras da maioría", posto que as segundas "funcionan mal" nun espazo "diverso e mestizo".


"Son consciente de que hai iniciativas e achegas concretas sobre as que habería que falar canto antes. É necesario ampliar o consenso o máximo posible e a man está tendida desde hoxe mesmo. Hai que adoptar iniciativas internas para que teñamos un espazo de suma", aseverou.


Ao seu xuízo, o espazo da confluencia xerou "expectativas" que é necesario "cumprir".


"DIVISIÓN Á METADE"


O propio sábado, un dos portavoces do sector crítico de En Marea, Rafa Dopico, considerou "negativo" o resultado do plenario, tendo en conta que evidencia "unha división practicamente á metade" nas principais teses a debate.


A partir de agora, o grupo do que forma parte, como avanzou, "analizará o resultado e tomará decisións democráticas". "Desde logo, non imos desistir de construír un amplo, plural, mestizo, horizontal e democrático que aposte pola ruptura democrática que necesita o país", sentenciou Dopico.

relacionada Noriega resta transcendencia ao intento do PP de desbancar os alcaldes das mareas
relacionada O modelo oficialista imponse ás teses dos críticos de En Marea

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE