Yolanda Díaz: "Estamos divididos pola metade e é difícil construír así"

A deputada de En Marea pídelle a Luís Villares "repensar" o rumbo da confluencia e aos alcaldes, máis protagonismo.


|

YolandadiazcongresoYolanda Díaz ve que se está "perdendo unha oportunidade".


A deputada de En Marea no Congreso Yolanda Díaz instou ao portavoz do partido instrumental, Luís Villares, a "repensar" o rumbo tomado pola formación rupturista. "Se eu fose Luís Villares repensaría o que estamos a facer, estamos divididos pola metade e é difícil construír así", asegurou.


"Toca repensar, parar e, colectivamente, tender a man para construír unha fórmula que nos faga ser capaces de construír Galicia", declarou Díaz nunha entrevista concedida a Cadena Ser, na que lamentou que se estea "perdendo unha oportunidade" para construír unha alternativa de Goberno ao PP na comunidade.


Con todo, tamén ve as divisións como "algo habitual en todos os partidos", pois "forma parte da vida política que haxa discrepancias". Díaz tamén "quere pensar que non se están antepoñendo os intereses persoais" por encima dos da formación.


OS ALCALDES E BEIRAS


Con respecto aos alcaldes das 'mareas', Díaz erixiunos como "claves para o futuro" da formación e reclámalles "maior implicación no proxecto", pois "hai que contar con eles e ir parellos" á municipalidade.


"Beiras é o gran referente deste país e tampouco se pode construír nada sen el", asegurou con respecto ao histórico líder de Anova, Xosé Manuel Beiras. "É impensable facelo sen todo o que el representa, é unha peza imprescindible", proseguiu.


FEIJÓO, UN "TURISTA" EN GALICIA


Yolanda Díaz arremeteu contra Feijóo pola súa actuación na solicitude de traspaso da AP-9, á que o Goberno do seu partido en Madrid se opón e que, mesmo, vetou que a lei aprobada por unanimidade no Parlamento galego sexa sometida a debate no Congreso dos Deputados.


Para a de En Marea, o presidente galego "podería facer moito máis", pois esta vía é "esencial para Galicia" e, por tanto, Feijóo "debería estar a pelexar todo o día" para garantir a súa transferencia. Ademais, acusou ao titular da Xunta de estar "coma un visitante" e "un turista sen facer nada" coa súa maioría absoluta.


Sobre a polémica en torno ao Pazo de Meirás de Sada, afirmou que Feijóo "ponse de perfil" e que é el "o que ten que emprender as accións e a defensa da legalidade" para que o ben "volva a mans da cidadanía", para o que adiantou que En Marea solicitará a comparecencia do ministro de Cultura, Íñigo Méndez de Vigo.


"É POSIBLE DESBANCAR A MARIANO RAJOY"


Con respecto á relación do partido co PSOE tras a reelección de Pedro Sánchez como secretario xeral, Díaz "confía" en que mellore pero móstrase "prudente" porque "xa viron varios Pedros Sánchez", asegurou.


O que a dirixente pide é que o socialista "dea cumprimento ao que dixeron as bases", que queren un "xiro claro e nítido das políticas do PSOE á esquerda".


Acerca dunha posibilidade dun acordo da esquerda para vetar a Rajoy, Díaz asegurou que se toma "moi en serio as reunións" e afirmou que "si é posible" desbancar o líder do Executivo, porque "non hai ningunha razón para que estea Rajoy como presidente do Goberno", concluíu.

relacionada A fractura interna de En Marea, tan viva coma antes do último conclave
relacionada Yolanda Díaz anuncia que deixará a coordinación de Esquerda Unida en xuño

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE