Antón Sánchez e Villares: "A unidade popular constrúese todos os días"

Os dirixentes de Anova e En Marea coinciden en rebaixar a transcendencia das celebracións separadas do 25 de xullo.


|

VillaresantonsanchezAntón Sánchez achegouse ao acto de En Marea. Foto: En Marea


A unidade popular non depende de como se celebre unha festa. É a idea na que coincidiron o portavoz de En Marea, Luís Villares, e Antón Sánchez, o seu viceportavoz na Cámara e dirixente de Anova, quen buscou este 25 de xullo rebaixar a "transcendencia" de que as distintas formacións ligadas ao partido instrumental decidisen celebrar o Día da Patria con actos propios por separado.


Aínda que as declaracións aos medios as fixeron nos seus respectivos actos, Sánchez e outros dirixentes de Anova, como o deputado no Congreso, Miguel Anxo Fernán-Vello, desprazáronse ao parque compostelán de Vistalegre para participar, aínda que brevemente no acto de En Marea.


Todo iso, cando está a piques de cumprirse un ano da asemblea fundacional de En Marea, en Vigo, e despois dun recente plenario no que se evidenciou a división existente no seo do partido instrumental. Unha impresión revalidada coa decisión das distintas forzas de celebrar o Día da Patria con actos diferenciados.


Fronte a esa interpretación, antes de regresar a Galeras, unha localización próxima na capital galega onde Anova celebraba a súa propia romaría popular, Antón Sánchez saudou a Villares, quen, posteriormente, proclamou que, con independencia de como se faga, celebrar o Día Nacional de Galicia é sempre "motivo de alegría".


"Nós sempre dixemos que a diversidade sumaba; o feito de que cada un festexe a patria de formas que son moi similares, para nós é motivo de alegría. O grave sería que non se celebrase o Día Nacional de Galicia", proclamou o portavoz de En Marea.


"Unha vez que estamos próximos, imos de campo a campo, botaremos un pé no campo de abaixo e os de abaixo botarán un pé no campo de arriba", chanceou Villares.


"CONSTRÚESE TODOS OS DÍAS"


Pola súa banda, Antón Sánchez, en declaracións aos medios xa en Galeras, proclamou que a "unidade popular non é facer un día de festa", senón que "se constrúe todos os días".


"E Anova vén demostrando nos últimos tempos que, día a día, tamén construímos a unidade popular con xenerosidade porque, se nós estamos aquí, é evidentemente para que a loita teña sentido. E ten sentido se xuntamos ás persoas con intereses comúns", recalcou, antes de apelar a non darlle "outra transcendencia política".

relacionada En Marea buscou sen éxito unha celebración unitaria do Día da Patria
relacionada A fractura interna de En Marea, tan viva coma antes do último conclave

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE