Vigo ten auga para pouco máis de tres meses e activa o plan de emerxencia
Pide aos municipios da súa contorna que se abastecen dos mesmos encoros que adopten tamén medidas de aforro.
Encoro de Zamáns.
O Concello de Vigo activou o Plan de Emerxencia Municipal para situación de Seca tras constatar que a auga embalsada actualmente nas presas de Eiras e Zamáns garante a subministración para un centenar de días, e adoptará medidas de aforro de auga, que pedirá tamén a municipios da contorna que se abastecen destes encoros.
Así o confirmou este xoves, en rolda de prensa, o alcalde da cidade, Abel Caballero, quen sinalou que, nesta fase de alerta, tal e como recolle o plan municipal, tomaranse medidas como supresión de regas, baldeos, purgas na rede, recomendarase non encher piscinas, e informarase á poboación "non só para que faga un consumo responsable, senón para que haxa un aforro real de auga".
O rexedor olívico explicou tamén que enviará cartas aos alcaldes dos municipios da contorna que se abastecen destas presas, como Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Cangas e Moaña, para que adopten as mesmas medidas de aforro de auga.
Segundo sinalou Caballero, o encoro de Eiras atópase a un 58,27 por cento da súa capacidade, e o de Zamáns, máis pequeno, está a un 44,37 por cento da súa capacidade. Estes niveis supoñen que "hai auga para 104 días".
Escribe o teu comentario