A pelexa para recuperar o Pazo de Meirás seguirá dándose por duplicado
A Xunta non participará nunha comisión coa Deputación da Coruña, que ten documentada a súa "forte implicación" no espolio do inmoble.
Os votos do PPdeG bastaron este mércores para pedir á Xunta que, en colaboración coas universidades, estude todos os mecanismos que permitan incorporar ao patrimonio público o Pazo de Meirás, actualmente en mans da familia Franco. A oposición, en bloque, abstívose, despois de tentar unha vez máis que o Parlamento reclame a ilegalización da fundación que leva o nome do ditador.
A petición do PSdeG era a de constituír unha comisión que, liderada pola Xunta, tivese representación da Deputación da Coruña e dos concellos de Sada e A Coruña, para analizar o expediente de cesión do pazo a Franco durante a Guerra Civil e estudar como podería ser anulado.
A DEPUTACIÓN DOCUMENTA O ESPOLIO
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, manifestou que esta institución "traballa" para "devolver" o Pazo de Meirás ao patrimonio público, coincidindo coa presentación dunha investigación que documenta a implicación desta institución no espolio do edificio.
En concreto, o investigador Carlos Babío, un dos autores do estudo, adiantou á vicepresidenta da Deputación da Coruña os resultados da súa investigación "que documentan a forte implicación da institución no espolio do Pazo de Meirás e nos investimentos para arranxar a contorna".
Nel, cífrase a achega realizada entre os anos 1938 e 1944 en "118.205 pesetas", informa a institución provincial. Coincidindo coa presentación deste estudo, Goretti Sanmartín anunciou que a Deputación buscará "facer xustiza coa propia historia da institución e devolver o que no seu tempo foi roubado".
Os datos avanzados este mércores sairán publicados proximamente nun libro que levará por título 'Meirás, un pazo, un caudillo e un espolio' e que conta co apoio da Deputación da Coruña para a súa publicación.
SEN CONSENSO NA CÁMARA
A pesar da vontade expresada en pasados días por PPdeG e PSdeG de chegar a un acordo neste asunto, visto que ambos os grupos levaban ao pleno iniciativas enfocadas a converter en público ese inmoble, finalmente non foi posible ese consenso e os populares votaron en solitario a súa proposta tras rexeitar a impulsada polos socialistas.
Sobre todo, debido ás discrepancias que se visibilizaron durante o debate parlamentario ao redor das emendas do BNG e En Marea para requirir a ilegalización da Fundación Franco; un extremo ao que se opuxo o portavoz do grupo maioritario, Pedro Puy, tras considerar "arriscado" debater sobre que entidades deben existir.
E, á vista das dificultades na negociación, Puy Fraga ofreceu retirar a súa proposta e subscribir a dos socialistas se estes decidían deixar esa cuestión á marxe, pero a representante do PSdeG no debate, Concepción Burgo, non aceptou. Como tampouco se aviu a permitir a votación por puntos da súa iniciativa para que os populares asumisen as outras partes do seu texto.
Escribe o teu comentario