Aposta por recuperar gratis Meirás acreditando que a súa 'doazón' foi unha fraude

|

Pazomeiras


Núñez Feijóo insistiu na sesión de control en que a única vía que contempla para que o Pazo de Meirás é "acreditar vicios ocultos" que permitan "deixar sen efecto" a "doazón" do inmoble e recuperalo gratis.


Para iso, en resposta a unha pregunta formulada pola portavoz do BNG, Ana Pontón, propuxo "investigar" a adquisición do inmoble con técnicos e expertos universitarios. Ademais, erixiuse en garante do "cumprimento" das normas lexislativas en Galicia e asegurou que, mentres el sexa presidente, a familia Franco "cumprirá a lei".


De feito, asegurou que o Goberno acudirá á Fiscalía se ten constancia de que se fai "apoloxía do franquismo" e lembrou a sanción de 4.500 euros á familia do ditador por impedir as visitas ao Pazo, así como o segundo expediente aberto polo mesmo motivo. Ao tempo, insistiu en descartar a vía da expropiación co argumento que non usará "o diñeiro dos galegos" para "pagar dúas veces" á familia do ditador, un camiño no que suxeriu que ten "moito interese" a Fundación Franco.


Mentres, Pontón esixiu actuar fronte ao que considera "un espolio" do pobo galego  e lembroulle que xa hai unha comisión en marcha impulsada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na que están concellos e asociacións da memoria histórica.


A ela convidoulle a unirse, ao que Feijóo respondeu rexeitando "leccións de democracia" de Pontón e preguntando á portavoz do BNG, que participou nos actos da Diada de Cataluña, se ela defende o cumprimento da lei e lamentando que non acepte "a democracia constitucional" de España. Pontón, á súa vez, tamén rexeitou "leccións de democracia" do presidente dun partido "investigado por corrupción" e proclamou que "Franco morreu, pero o franquismo vive".


Finalmente, na súa pregunta, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga avanzou que o seu grupo exporá no Parlamento a posibilidade de que haxa "acordo" entre todos ao propoñer "unha comisión técnica e plural" para negociar a devolución do Pazo.


relacionada 4.500 euros de multa á familia Franco por obstaculizar as visitas a Meirás
relacionada A familia Franco quere conseguir diñeiro a cambio de Meirás
relacionada Suma de forzas para recuperar o Pazo de Meirás para o uso público
relacionada A Fundación Francisco Franco presume de difundir desde Meirás a "grandeza" do ditador

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress