4.500 euros de multa á familia Franco por obstaculizar as visitas a Meirás

|

MeirasbustofrancoBusto do ditador, no Pazo de Meirás.


A Xunta multa con 4.500 euros á familia Franco tras constatar "problemas" na xestión das visitas ao pazo de Meirás, segundo se recolle no expediente sancionador que pechou a Consellería de Cultura --a través da Dirección Xeral de Patrimonio--.


Ademais, o Goberno galego informa de que abre novas dilixencias informativas ante o anuncio da Fundación Francisco Franco de cancelar as visitas ao pazo.


A este respecto, a Xunta lembra nun comunicado á familia Franco que ten a obrigación legal de abril o pazo ao público catro días ao mes --polo menos catro horas ao día-- e xestionar o seu mantemento, cuestión que incumpre.


VISITAS E POLÉMICA


Pola súa banda, a Fundación Nacional Francisco Franco anunciou o venres a cancelación das visitas ao pazo de Meirás "por motivos de seguridade ata nova orde", segundo reza unha mensaxe colgada na web da fundación.


A antiga residencia estival de Francisco Franco estivo de actualidade ao longo deste verán despois de que a fundación que o xestiona afirmase que empregaría as visitas a Meirás para enxalzar a figura do ditador.


REPROCHES Á XUNTA


A portavoz do Cultura do PSdeG no Parlamento, Concepción Burgo, cualificou de "vergoñenta" a resposta da Xunta aos "novos desafíos" da familia Franco. Ademais, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, avogou por buscar "fórmulas legais" que permitan a devolución ao patrimonio público do Pazo porque non se pode seguir esperando "á boa fe" da familia Franco para unha posible cesión voluntaria do mesmo.


Así mesmo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) pediu á Xunta que "actúe xa" contra a Fundación Franco e "faga valer a súa autoridade" ante a "mofa" que esta entidade "fai do pobo galego e das institucións democráticas do Estado".


"Estanse rindo de Galicia e das institucións democráticas, que seguen pasivas incidindo na subordinación do PP aos herdeiros do ditador".


Desde o BNG lugués, "todo o que está a suceder cos herdeiros do ditador" é posible pola "complicidade e permisividade das institucións do Estado e da Xunta, gobernadas polo PP".


"Amparan e protexen a illa de impunidade e o parque temático franquista no que se converteu o Pazo de Meirás así como outras propiedades da familia e da Fundación Franco", denunciaron.


E o alcalde de Sada, Benito Portela, replica que "o que hai que cancelar dunha vez é a vergoña do Pazo detentado polos Franco", di nun comunicado. Nel, asegura que non hai que "aguantar nin un minuto máis" o que considera unha "burla á cidadanía galega" por parte desta familia. Ademais, insta á Xunta a non manter unha situación de "pasividade cómplice".


relacionada A Fundación Franco cancela as visitas a Meirás alegando "motivos de seguridade"
relacionada A familia Franco quere conseguir diñeiro a cambio de Meirás
relacionada A Fundación Francisco Franco presume de difundir desde Meirás a "grandeza" do ditador

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress