Rajoy carga contra os ataques ao turismo no aniversario dun grupo hostaleiro con raíces en Chantada

|

Feijoorajoyhoteles


Mariano Rajoy destacou que o turismo é unha "fonte de riqueza" para España polo que considerou un "sinsentido e un disparate" atacar un sector que xera o "13%" do emprego do conxunto do Estado e supón o "11% do PIB".


O xefe do Executivo estatal participou este mércores nos actos polo 40 aniversario do grupo hostaleiro Hotusa, onde recoñeceu que "nunca" creu que "houbese xente cunhas entendedeiras tan difíciles de entender" como para actuar en contra da "principal industria" do país.


Nun evento no que tamén participou Feijóo e o presidente de Hotusa, Amancio López Seijas, Rajoy fixo unha defensa deste sector que, como lembrou, xera "dous millóns e medio de empregos" en España.


Por iso, advertiu de que actuar na súa contra "conduce a menos emprego, menos riqueza" e non leva a "nada sensato". "Só o pode querer xente que se sente máis cómoda instalada nas malas noticias e no illamento", criticou o presidente do Goberno en referencia aos actos vandálicos contra o turismo rexistrados en Cataluña.


"AVERGOÑAN O PAÍS"


Pola súa banda, tamén durante o acto, o presidente da Xunta cargou contra estes ataques reivindicados pola organización xuvenil Arran, vinculada ás CUP, para asegurar que "avergoñan" a España "como país" e como "destino".


"Son unhas accións vandálicas executadas por grupos que están en contra do progreso, contra o intercambio cultural, en definitiva, en contra do dereito das xentes para coñecer outros lugares", sinalou.


Ademais, advertiu de que este tipo de accións poidan converterse "nunha emenda á totalidade do sector turístico" dado que iso sería "profundamente inxusto" porque "o turismo é fonte de ingresos, de emprego e unha das pancas de maior influencia exterior de España". "Neste momento o turismo é un dos sectores que máis alegrías dá a España", sinalou Feijóo.


GRUPO HOTUSA


Por último, tamén se referiu a esta problemática o presidente do grupo Hotusa, Amancio López Seijas, quen cargou contra a "complicidade" que certas administracións dan a estes movementos, en referencia á Generalitat.


O empresario, que foi o encargado de abrir o aniversario do seu grupo e que compartiu aulas con Mariano Rajoy na súa infancia, destacou que Hotusa emprega a máis de 4.500 persoas e ten unha facturación de máis de 1.000 millóns de euros.

relacionada Noriega defende un equilibrio que permita a "convivencia" co turismo
relacionada Carmela Silva alerta contra a masificación dos destinos turísticos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress