O Dépor sofre en Leganés a derrota máis dolorosa do ano
(4-0). Garitano pon o seu cargo a disposición do club, que se reúne este domingo para decidir se dá máis marxe ao técnico ou o fulmina.
Garitano, durante un partido. //Fonte: RC Deportivo
O Deportivo caeu estrepitosamente na primeira visita da súa historia a Leganés, nun partido no que se repetiu a historia duns cantos encontros esta tempada, ao marcar o adversario nos seus dous primeiros disparos á portería herculina.
Gaizka Garitano asegurou na sala de prensa de Butarque "estar a disposición do Club. O que o Club crea conveniente, farase". O técnico vasco tamén confirma estar "con forza para seguir aínda que se o Club cre que o mellor é que non siga, entendereino. O máis importante agora é o Club".
Pola súa banda, Tino Fernández anunciou aos medios que o consello de administración do Dépor se reúne este domingo para decidir o futuro do banco branquiazul. "Quedan moitos partidos e ímolo levantar. Isto é perfectamente remontable. Necesitamos resetearnos e mostrar unha imaxe moi distinta", abundou Tino.
UNHA FORMULACIÓN DISTINTA
O adestrador branquiazul, Gaizka Garitano, realizou un cambio por liña con respecto ao partido da pasada xornada, en Riazor fronte ao Alavés. En defensa, Fernando Navarro supliu a Luisinho. Na medular, Pedro Mosquera fixo o propio co lesionado Celso Borges. Na liña de tres cuartos, Carles Gil substituíu a Bruno Gama. En punta, Joselu ocupou a posición de Florin Andone.
O Dépor chegou á área pepinera nos primeiros minutos nun par de ocasións. Primeiro nun centro-chute de Carles Gil e despois nunha fenomenal acción de Gaël Kakuta, que acabou metendo un balón en profundidade a Joselu, que non puido adiantarse ao meta local por moi pouco.
Dez minutos despois, adiantouse o Leganés, no seu primeiro achegamento á área deportivista. Un centro desde a dereita de Nabil El Zhar rematouno Alexander Szymanowski ao primeiro toque, practicamente sen mirar, lonxe do alcance dun Germán Lux que só puido mirar como o balón se introducía preto do vértice superior dereito da súa portería.
E no seu segundo achegamento, cando se cumpría a media hora de xogo, Martín Mantovani cabeceaba ao fondo das mallas un córner botado desde a esquerda do ataque pepinero. Con dous tiros a porta en trinta minutos, o Leganés poñía moitísima terra polo medio.
O Dépor tratou de reaccionar, aínda que non chegou a incordiar a Herrerín. O Leganés si estivo preto de facer o 3-0, nun croque franco de Szymanowski que impactou mal coa súa fronte no balón.
Gaizka Garitano buscou a reacción no intermedio. O preparador deportivista realizou dúas substitucións. Luisinho entrou por Kakuta e Andone fixo o propio con Pedro Mosquera, pasando o equipo herculino a xogar cun debuxo 4-4-2.
Ao cuarto de hora da segunda metade, un contragolpe do Leganés acabou co esférico no traveseiro, tras desviar Lux o potente remate de Dimitrios Siovas.
Poucos minutos despois, desapareceu practicamente calquera posibilidade de sacar algo positivo de Butaque, ao ver o cartón vermello directo Raúl Albentosa.
Para finiquitar o partido, o Leganés anotou o 3-0, nunha veloz chegada pola banda dereita que acabou remachando Unai López. E xa, no tempo engadido, Alberto Bueno marcou o 4-0 definitivo.
FICHA
CD Leganés: Herrerín, Perico, Mantovani, Siovas, Diego Rico, Rubén Pérez, Erik Morán (Unai López, min. 72), El Zhar (Buno, min. 86), Gabriel, Szymanowski e Guerrero (Samu García, min. 77).
RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Pedro Mosquera (Andone, min. 46), Carles Gil (Fayçal Fajr, min. 69), Emre Çolak, Kakuta (Luisinho, min. 46) e Joselu.
Goles: 1-0 Szymanowski (min. 19); 2-0 Mantovani (min. 30); 3-0 Unai López (min. 81); 4-0 Bueno (min. 90+1).
Escribe o teu comentario