Os líderes do vestiario fan piña para cambiar o rumbo do Dépor
Kakuta afirma que Garitano insiste en inculcarlles a "mentalidade gañadora" aos xogadores. El aínda non se ve "ao cento por cento".
A derrota do sábado e a mala xeira arrastrada, así como o cabreo de Riazor, están a deixar a súa marca na confianza do vestiario do Dépor. Unha situación que os líderes tentan endereitar. Así o afirmou esta mañá en rolda de prensa Gael Kakuta, que revelou que tras o choque contra o Alavés tomaron a palabra para cambiar o estado de ánimo do equipo.
Aínda así, asegura que o vestiario está unido: "Falamos das cousas boas e as malas, pero non hai nada malo no vestiario, o ambiente é moi bo. Somos un equipo e estamos a traballar para mellorar, temos que axudarnos, non lograremos mellorar enfadándonos entre nós".
Na mesma liña ve a Gaizka Garitano: "Quere que gañemos, que melloremos... está a axudarnos a mellorar cada día, traballando para corrixir o que fixemos mal. A súa mentalidade está igual, é unha mentalidade gañadora e quere que nós a teñamos tamén".
Sobre o seu papel, o francés recoñece que "foi unha decepción porque tivemos moitas ocasións, eu tirei ao traveseiro e de marcar o partido cambiaría". Promete dar a súa mellor versión en pouco tempo: "Veño dun país diferente cunha cultura diferente. Agora mesmo é como unha pretemporada para min. Entendo que aínda non estou ao cento por cento, pero estou a traballar para poñerme a tope canto antes e render ao meu mellor nivel".
Escribe o teu comentario