O rural, o rural tamén existe

Manoel Barbeitos
Economista

 Mentres se reduce o gasto público en servizos de benestar increméntanse as axudas públicas a banca privada como ven de suceder coas subvencións a Abanca para a instalación de caixeiros no rural



O indiscutible baleirado dos pobos galegos do rural ten como versión oficial das elites políticas, económicas e intelectuais que este fenómeno social é un proceso natural froito da modernización do país que se reflicte nunha crecente urbanización, unha terciarización da economía -por un auxe do sector servizos- e unha explosión das grandes infraestruturas viarias -vías rápidas, aeroportos...-. As evidencias, a pesar diso, demostran que as auténticas razóns son outras: sen empregos, sen servizos, sen recursos financeiros e illado....o rural languidece.


Nos últimos meses os gandeiros  e as gandeiras veñen manifestando as súas protestas polos baixos prezos que lle ofrecen as centrais leiteiras que non son quen de cubrilos custos polo que sofren continuas perdas. Situación que está a levar a que o número de gandeiros que abandonan o rural non pare de crecer: 35.000 no que vai de século XXI. Un proceso de abandono que se acompaña dunha crecente eucaliptización para beneficio das industrias papeleiras.


Protestas que se estenden ao estado da situación na atención sanitaria. Son continuas e moi amplas as protestas cidadáns diante da enorme deterioración que esta sufrindo a atención primaria. A aposta da Xunta de Galicia polo hospitocentrismo -potenciación dos grandes centros hospitalarios urbanos- e as privatizacións tanto deterioran a rede de servizos como encarecen a atención sanitaria. O mesmo sucede co peche de centros escolares xustificados pola perda de poboación en idade escolar.


Non cabe a menor dúbida de que esta deterioración dos servizos públicos citados xunto ao doutros que veñen arrastrando desde sempre (por caso, a atención aos maiores ou a infancia) non deixa de ser un estímulo para que a xente abandone o rural co consecuente despoboamento dun número crecente de aldeas e parroquias.


Nesta dinámica resulta significativo o feito de que mentres se reduce o gasto público en servizos de benestar increméntanse as axudas públicas a banca privada como benvende suceder coas subvencións a Abanca para a instalación de caixeiros no rural ("os bancos sempre gañan"): non hai persoal sanitario, nin mestres, nin coidadores pero si hai caixeiros!. Caixeiros para unha banca que, pola súa banda, non lle facilita aos pequenos negocios, por caso no rural, a liquidez que precisan para poder facer fronte nesta pandemia a caída das vendas polo que ven forzados a pechalo o seu negocio.


As políticas públicas de infraestruturas viarias veñen apostando desde hai décadas polas vías rápidas e a comunicación con Madrid. Así sucede, por caso, que mentres resulta ser unha das comunidades con maior índice de vías rápidas de España, mentres se pondera un AVE que permite chegar a Madrid en 3 horas e media -pero que os habitantes do rural ven pasar  a máis de 200 quilómetros por hora sen que teñan unha parada preto-, Galicia é tamén una das poucas comunidades sen tren de proximidade o que dificulta as comunicacións aos habitantes dos núcleos mais pequenos.


Como podemos ver o abandono do rural por un número crecente de familias non é un fenómeno natural froito da modernización  senón que é o "efecto colateral" dunhas políticas públicas que apostan polos intereses do gran capital: si analizamos todas e cada unha das políticas citadas - eucaliptización, hospitocentrismo, privatización de servizos públicos, construción de grandes vías rápidas...- vemos que detrás de todos e cada un dos casos están os intereses das maiores fortunas -propietarios, directivos e accionistas de bancos, fondos de investimento, multinacionais, grandes construtoras....-. 


Arracando eucaliptos en Touron (10) brigadas deseucaliptazadoras cousa de raices

Arracando eucaliptos en Tourón  nunha acción das brigadas deseucaliptazadoras 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE