O Goberno de España non debe caer nas provocacións

Manoel Barbeitos
Economista

Resulta indiscutible que este goberno español de quenda (#PSOE/Sumar) leva feito moito e bo polas maiorías sociais e, moi especialmente, por quen peor o está pasando. Que a nivel macroeconómico e social están a obterse resultados estupendos como confirma a evidencia de que España é un dos estados da Eurozona que mellor está a afrontar a recesión.

 

Unha realidade que non impide, máis ben estimula, un comportamento subversivo por parte das dereitas (#PP/VOX) e os seus aliados (xudiciais e mediáticos) que buscan por medios escasamente democráticos derrubar o lexítimo goberno de quenda. Xa se sabe cal é para aqueles a tese que xustifica este comportamento antidemocrático: un goberno só é lexítimo cando gobernan as dereitas. Unha das tácticas que utilizan para conseguir este obxectivo subversivo é embarrar o escenario político.

 

En Galicia moitos sabiamos que cando Núñez Feijóo e o seu garda pretoriana (Miguel Tellado, Mar Sánchez...) fóronse para Madrid ían trasladar á capital do reino as formas e modos políticos que levaban utilizando en Galicia todos estes anos. Uns modos e formas que copiaron de Jose María Aznar cando este estivo á fronte do Partido Popular (#PP) e que teñen a trola, o insulto, a crispación, o barro...como argumentos políticos. Uns modos e formas que, todo hai que dicilo, atopan nas redes sociais un vehículo de expansión formidable pero que en Europa occidental son propios das extremas dereitas. Unha última proba, polo de agora, deste comportamento témola na súa actual posición con relación á memoria histórica, negando as evidencias e tentando blanquear a unha das ditaduras máis crueis e sanguinarias do século XX: o franquismo.

 

Fronte a esta estratexia política subversiva e antidemocrática o goberno español de quenda (#PSOE/Sumar) non debería entrar ao trapo, non debería caer nas provocacións. Unhas provocacións que, como subliñaba antes, buscan embarrar o escenario político (o terreo de xogo no que mellor se moven esas dereitas extremas). Chegados aquí, quero sinalar que non comparto, de ningunha maneira, o que non poucos medios de información e opinión, mesmo progresistas, afirman de que a responsabilidade deste bulleiral corresponde tanto aos partidos das dereitas como das esquerdas. De ningún xeito: non o comparto porque non é verdade. Bastan dous exemplos: o primeiro fai referencia ao poder xudicial, o segundo aos medios de información e opinión. Nesta dinámica política está a xogar un papel destacado un sector moi relevante do poder xudicial, a quen merecidamente se coñece como “a caverna xudicial” e que se ve apoiado pola negativa do Partido Popular (#PP) a renovar o CGPJ (Consello Xeral do Poder Xudicial). O segundo, que son os medios de información e opinión, especialmente as redes sociais, ligados a estas dereitas extremas (“a caverna mediática”) quen cos seus editoriais, artigos de opinión, entrevistas, debates...alimentan esa estratexia. 

 

Unha estratexia que os partidos do goberno (#PSOE/Sumar) deberían combater baixando á terra e explicando as súas políticas ás maiorías sociais. Este goberno español de quenda ten que dialogar e escoitar á sociedade civil á vez que ofrecerlle a posibilidade de organizar para así apoiala. Pero para isto ten que comezar por democratizar os seus aparellos partidarios que hoxe en día están moi burocratizados e jerarquizados e tamén por abrir as grandes alamedas para que as maiorías sociais poidan camiñar por elas mostrando as súas demandas. Porque se realmente se queren facer grandes cambios non basta con chegar ao Goberno, senón que se debe mobilizar a sociedade civil para facer fronte ás brutais ofensivas das dereitas extremas. 

 

Fagan memoria!


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE