Traballadores de Povisa: "Non hai fuga de médicos, é o mercado laboral"
O persoal de Ribeira-Povisa espera con impaciencia a negociación do novo convenio colectivo para abordar salarios, xornadas e sobrecargas laborais. Todo isto despois de que saltase a “alerta” ante a “fuga” de persoal a outros centros, incluídos públicos. Ribeira-Povisa cre que hai unha operación de descrédito contra eles.
A situación do hospital vigués Ribeira-Povisa é de normalidade, iso polo menos transmitiron desde o centro olívico. E é que os reflectores apuntaban a unha “inquietude” pola saída de médicos e enfermeiras que se sumaba a unha caída no número de pacientes adscritos. Outro punto en cuestión foi o rexeitamento sindical por parte da CIG ao novo acordo de carreira profesional e que enfrontou nas últimas semanas a traballadores e dirección. Mentres, a xerencia do centro —integrado no grupo Ribeira Saúde e participado polo fondo francés Vivalto Santé— nega calquera “fuga” de persoal e asegura que o hospital mantén a súa actividade con normalidade. Pola súa banda, a CIG e distintos colectivos laborais alertan da sobrecarga asistencial e dunhas condicións que seguen sen equiparar ás do Servizo Galego de Saúde (#SERGAS).
Menos pacientes e cambios nas cartillas
Segundo cifras publicadas por Galiciapress, Ribeira-Povisa perdería ao redor de 6.000 pacientes no último ano. O hospital conta agora con algo menos de 110.000 cartillas adscritas. A maioría de adscritos e adscritas son procedentes de Moaña, Cangas, Nigrán, Gondomar e Baiona. Cada exercicio, o SERGAS e Ribeira-Povisa abren un período dun mes para que os cidadáns cambien de hospital entre este centro concertado e o Álvaro Cunqueiro. Con respecto a isto último, fontes sindicais “cada ano baixa o número de cartillas” do primeiro.
Desde a dirección, en cambio, sinalan que a mobilidade é constante e que “si se van 2.000 pacientes de Povisa, chegan 1.000 novos”, apuntando que o fluxo de altas e baixas mantense equilibrado entre a área pública e a concertada.
“Non é fuga, é o mercado laboral”
Rafa Agras, técnico de coidados auxiliares de enfermaría (TECAE) en Urxencias e delegado da CIG en Povisa, explica que non debe falar de “fuga masiva” de persoal, senón dunha consecuencia lóxica do mercado sanitario: “Se me pagan máis noutro lugar, voume”. Segundo Agras, a coincidencia de varias saídas en 2024 debeuse a que “algúns profesionais obtiveron praza no SERGAS por méritos propios”. No ámbito privado outros optaron por novas oportunidades con mellores condicións.
O representante sindical admite que a falta de especialistas en certas áreas agrava o problema: “Nalgunhas especialidades non hai médicos no mercado”, sinala. Tamén recoñece que Ribeira-Povisa tenta cubrir todas as vacantes —“esta semana contrataron un maxilofacial e unha oftalmóloga”—, aínda que insiste en que as condicións de xornada e salario “aínda poden mellorar”.
“Nós temos xornada completa de 40 horas, mentres que no SERGAS son 35”, detalla Agras. “Cada ano tentamos mellorar na negociación colectiva, pero agora mesmo non hai negociacións abertas coa empresa”.
Rexeitamento sindical ao novo acordo de carreira profesional
O último desacordo entre dirección e persoal chegou co plan de desenvolvemento profesional asinado entre empresa e sindicatos salvo a CIG por considerar o documento “discriminatorio e precarizador”. Denuncia que penaliza as baixas por enfermidade —restando dereitos a quen supere 60 días anuais de incapacidade— e que exclúe ás categorías máis baixas de calquera progreso até 2027.
O sindicato critica que os importes se calculen para xornada completa, “reducindo a contía ao persoal a tempo parcial, sen rebaixar os obxectivos”. Tamén cuestiona que o cobro dependa da situación económica da empresa e que a carreira poida perder se se abandona o centro antes de tempo.
Fronte a este malestar, a dirección defende que o plan busca “valorar a traxectoria e compromiso” do persoal. Por outra banda, quere que sexa un incentivo para fidelizar profesionais nun contexto de competencia laboral crecente.
“Non hai crise, senón unha campaña de descrédito”
Ribeira Saúde desmentiu mediante un comunicado “os rumores de crises ou fuga” de persoal. Afirmou que o hospital mantén unha “actividade normal” con 1.546 traballadores e 486 facultativos repartidos en máis de 40 especialidades. Así, entre setembro de 2024 e agosto de 2025 o centro atendeu a máis de 125.000 pacientes, con 24.000 intervencións cirúrxicas, 410.000 consultas e atendéronse 91.000 urxencias.
Durante os dous últimos anos, Povisa incorporaría 77 médicos (43 en 2024 e 37 en 2025), o que, segundo a compañía, garante a continuidade asistencial e refuta a idea de desmantelamento. Ademais, destaca a incorporación de tecnoloxía e proxectos de modernización, incluíndo unha futura cirurxía robótica.
Ribeira Saúde insiste en que o hospital segue acreditado pola Joint Commission International e lembra que mantén médicos de garda as 24 horas do día os 365 días do ano nunha vintena de especialidades, o que, ao seu xuízo, diferénciao do resto de hospitais privados galegos.
O papel do SERGAS e o debate sobre os concertos
O conselleiro de Sanidade da Xunta recoñeceu recentemente que calquera alteración no persoal de Povisa impacta directamente na sanidade pública. Isto deberíase ao concerto vixente entre ambas as partes que garante atención hospitalaria a miles de pacientes da área sanitaria de Vigo.
Este vínculo —que se remonta aos anos 70— implica que parte do financiamento público do SERGAS destínase ao hospital privado, un modelo de colaboración que foi obxecto de debate político e sindical. Desde a CIG, a postura é clara: “Sempre defendemos ser asumidos polo SERGAS”, recalcan.
Mentres a empresa recalca o seu “pleno compromiso” cos traballadores e pacientes, desde o comité de empresa advirten que o próximo ano, cando se reabra a negociación do convenio colectivo, exporanse novas reivindicacións salariais e de xornada laboral.
A curto prazo, o reto de Ribeira-Povisa pasa por estabilizar o seu persoal médico, fidelizar pacientes e rebaixar a tensión interna que deixa ver certa fraxilidade no equilibrio entre o público e o concertado no sistema sanitario galego.
Escribe o teu comentario