Gadisa abre en Viveiro o seu primeiro establecemento de 2018
O novo punto de venda é un Claudio Express, situado nunha estación de servizo.
A apertura crea seis postos de traballo. Foto: GADISA
O grupo Gadisa inaugurou en Viveiro o seu terceiro establecemento franquiado Claudio na localidade lucense e o primeiro de 2018, que supón a creación de 6 postos de traballo.
O novo punto de venda é un Claudio Express situado na estación de servizo de Magazos. Tal e como informa a compañía nun comunicado, "segue a filosofía que caracteriza a este tipo de establecementos: experiencia de compra rápida e cómoda, tanto no acceso como na disposición dos produtos; amplo horario de luns a domingo; e unha coidada selección de produtos de alimentación, hixiene e limpeza, a prezos de supermercado".
Á inauguración acudiron o propietario da estación de servizo, Paco Grela, acompañado de parte do seu equipo, e en representación de Gadisa, o director de franquía, Miguel Freire, o coordinador José Antonio Hermida e os responsables de montaxes de establecementos franquiados Sergio Trujillo e Fernando Seijo.
A rede de franquías Claudio prosegue a súa expansión tras pechar 2017 cun balance de 20 aperturas, das cales 15 son Claudio Express e as cinco restantes corresponden a establecementos Claudio. Hai pouco máis dun mes producíase unha dobre inauguración na provincia de Ourense, cunha apertura na capital e outra na Merca.
A posta en marcha do novo Claudio Express de Viveiro prodúcese só un día despois de que Gadisa abrise un novo Supermercado Gadis en Santa Marta de Tormes, o quinto na provincia de Salamanca, que supuxo a creación de 42 empregos directos.
"Esta apertura consolida o plan de expansión da compañía en Castela e León, onde xerou máis de 1.200 postos de traballo desde a súa implantación", subliña a empresa. Ás 173 franquías Claudio das que dispón xa Gadisa súmanse 218 Supermercados Gadis e 12 Cash Ifa en Galicia e Castela e León.
Escribe o teu comentario