A cota de neve baixa aos 600 metros na zona máis oriental de Galicia
Unha masa de aire polar prognostica nevadas en zonas montañosas, mentres a costa segue en alerta.
Unha masa de aire frío procedente do Ártico chega este sábado a Galicia, baixando a cota de neve aos 600 metros de altura, que obriga a activar o aviso amarelo por nevadas na montaña de Lugo.
Mentres, todo o litoral mantense en aviso laranxa por ondas. No mar espérase que o peor pase pola tarde, con mar combinada do oeste con ondas de entre cinco e seis metros e vento máis forte desde as primeiras horas da noite.
En terra, o ceo estará parcialmente cuberto e caerán chuvascos, de forma máis probable no norte e o leste da comunidade, ocasionalemnte tormentosos e acompañados de saraiba. As temperaturas mínimas sufriron un notable descenso con formación de xeadas en moitos puntos.
Pola súa banda, o aviso amarelo por nevadas na montaña luguesa comeza despois do mediodía e espéranse acumulacións de neve superiores aos cinco centímetros durante a xornada, segundo información de Meteogalicia.
Ademais, prevese que ese aviso por nivel amarelo por neve se prolongue tamén ao longo de toda xornada do domingo na mesma zona.
Escribe o teu comentario