Se saes de Galicia, as túas receitas xa serven nas farmacias doutras 13 comunidades
Só Madrid, Andalucía, Baleares, Ceuta e Melilla seguen sen dispoñer dun sistema para operar con outras receitas electrónicas.
Asturias, Cantabria, Cataluña, Murcia e o País Vasco sumáronse ao sistema de prescrición electrónica de receitas interoperables do Sistema Nacional de Saúde, que permite aos pacientes retirar os seus medicamentos en farmacias dunha rexión distinta á que reside, polo que xa só faltan por incorporarse Madrid, Andalucía, Baleares, Ceuta e Melilla.
Así o anunciou este mércores o Ministerio de Sanidade tras validar a incorporación destas cinco comunidades, que se suman a este servizo común co que xa estaban a traballar Aragón, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia e A Rioxa.
Tras a autorización do departamento de Dolors Montserrat, as cinco novas comunidades validadas iniciarán o servizo aos cidadáns de forma inmediata, aínda que algunha delas farao ao longo do mes de xaneiro.
O obxectivo, segundo recalcou Sanidade, é que os pacientes poidan moverse por todo o territorio nacional e obter os seus medicamentos prescritos en calquera farmacia do país, independentemente de en que comunidade fosen receitadas e sen necesidade de preocuparse nas súas viaxes polas datas de dispensación nas que teñen que retirar a medicación ou sen ter que acudir ao seu médico para que lles realice anticipos da mesma.
As comunidades restantes, segundo o Ministerio, tamén están a traballar en adaptar os seus sistemas e cando o consigan "a receita electrónica sería interoperable en todo o SNS".
VANTAXES DE DEIXAR DE LADO O PAPEL
Entre outras vantaxes, o médico pode programar, nunha única consulta, a prescrición de medicamentos para un tempo prolongado, o que resulta de especial importancia en tratamentos crónicos, pois evita a carga burocrática e a repetición de consultas, aforrando molestias ao paciente. Tamén limita o almacenamento de medicación no domicilio e mellora o coñecemento da adherencia do paciente ao tratamento.
Escribe o teu comentario