A nova edición de 'A Radio Conta' recada fondos para apoiar a Aspace
Na iniciativa, que emite desde o Teatro Rosalía, participan profesionais de emisoras públicas e privadas
Presentación da iniciativa solidaria. Foto: Concello da Coruña
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá o día 30 unha nova edición de 'A Radio Conta', unha iniciativa promovida por profesionais de emisoras públicas e privadas que, nesta ocasión, estará destinada a apoiar as actividades da Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (Aspace).
A cita será a partir das 17,00 horas, o día no que se conmemora o 40 aniversario de Aspace Coruña, e participarán profesionais de Radio Galega, RNE, Radio Coruña-Cadena SER, COPE, Radio Marca, RadioVoz, Onda Cero e Radio Intereconomía Coruña.
Este ano, contarase coa música da Tuna de Veteranos, Sisters In The House, Voodoo e Iago Gordillo. Entre outros, participarán, como convidados, o actor Manuel Burqe, o cirurxián Diego González ou os cociñeiros Pablo Pizarro e Iria Espinosa, entre outros.
O programa poderá seguirse en toda a Galicia a través das frecuencias de Radio Galega e Radio 5. Ao acto no Teatro Rosalía, a entrada será libre, con donativo voluntario. Haberá tamén unha fila cero, a través do número de conta ES31 2100 4202 1122 0001 1474 (Caixabank).
Escribe o teu comentario