A Xustiza europea conclúe que Uber ten que someterse ás normas do transporte
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditamina que se lle poden esixir licenzas similares ás do taxi.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) ditaminou este mércores que a plataforma estadounidense Uber é un servizo de transporte ao que se lle pode esixir licenza e outras autorizacións para prestar servizo nos Estados membros.
Deste xeito, o Tribunal referenda as conclusións do avogado xeral da institución, Maciej Szpunar, quen o pasado mes de maio sinalaba que, a pesar de ser un "concepto innovador", a plataforma dixital pertence ao ámbito do transporte e, por tanto, "non se beneficia do principio de libre prestación de servizos" que as normas comunitarias garanten para o campo da Sociedade da Información.
A sala europea considera que a aplicación que proporciona Uber para poñer en contacto ás dúas partes é "indispensable" tanto para os condutores como para os usuarios que demandan o desprazamento e, ademais, exerce unha "influencia decisiva" sobre as condicións das prestacións.
A plataforma que fai de intermediaria "crea unha oferta de servizos de transporte urbano", que fai accesible mediante ferramentas informáticas e que organiza en favor das persoas que desexen recorrer a esta oferta.
NON AFECTARÁ Á ACTIVIDADE
O tribunal con sede en Luxemburgo examinou o litixio que enfronta a Uber nos xulgados de Barcelona coa Asociación Profesional Elite Taxi, que agrupa o gremio de taxistas na Cidade Condal e acusa á marca norteamericana de competencia desleal polo seu servizo ' UberPop'.
Desde a compañía norteamericana, con todo, consideran que a decisión da Xustiza europea "non cambia nada na operativa" de Uber na maioría dos países da Unión Europea, segundo indicou un portavoz tras coñecer o fallo.
A mesma fonte engadiu que Uber continuará dialogando con países e cidades "en toda Europa" porque "convén regular servizos" como os que ofrece a plataforma e a cuxa aplicación online non poden acceder "millóns de europeos".
Escribe o teu comentario