Anota estas datas se non queres perder ningunha cita coa lectura
Efemérides de publicacións de Manuel Antonio, Castelao e Casares centran o 'Calendario do Libro e da Lectura 2018'.
Os aniversarios das publicacións de A Galiña Azul de Carlos Casares, o poemario De catro a catro de Manuel Antonio ou da pronuncia do discurso Alba de gloria de Castelao son algunhas das citas principais do 'Calendario do Libro e da Lectura 2018', promovido polo departamento de Cultura da Xunta.
Este sábado, un día antes da celebración do 'Día da Edición' --que lembra o nacemento de Ánxel Casal--, a Consellería de Cultura deu a coñecer este calendario, que ten por obxectivo facilitar a planificación de actividades ao redor das principais datas vinculadas ao mundo literario.
Así, varias efemérides sumaranse o próximo ano ao habitual calendario de celebracións, que inclúe o 'Día da Ilustración' (30 de xaneiro), o 'Día da Lingua Materna' (21 febreiro), o 'Día da Poesía' (21 de marzo) ou o 'Día das Artes galegas' (1 de abril), entre outras citas.
Deste xeito, en 2018 lembraranse os 50 anos desde a publicación do libro A Galiña Azul de Carlos Casares (23 de decembro), así como o 70 aniversario do discurso Alba de gloria pronunicado por Castelao un 25 de xullo en Buenos Aires ou o 90 aniversario do poemario De catro a catro de Manuel Antonio, que terá lugar o 27 de marzo coincidindo co 'Día do Teatro'.
O calendario completo pode consultarse na páxina web 'www.cultura.gal'.
Escribe o teu comentario