O temporal deixa máis de 300 incidencias por toda Galicia e continúa este luns
A maioría foron provocadas esta madrugada pola caída de árbores e outros obstáculos nas estradas.
A maioría de incidencias foron árbores caídas. Foto: @BomberosBoiro
A borrasca de vento e choiva 'Ana' deixou máis de 300 incidencias na Comunidade galega durante a madrugada do luns, a maioría delas pola caída de árbores e pólas, tras rexistrarse case unhas 500 durante a tarde do domingo.
Segundo informou o 112 Galicia, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias atendeu un total de 307 incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adverso entre as dez da noite ata as oito da mañá..
A maior parte dos incidentes na Comunidade galega foron provocados pola caída de árbores e pólas que non causaron persoas feridas, concretou o 112 Galicia.
Así mesmo, o maior número de intervencións dos servizos de emerxencias estiveron relacionadas coa retirada de obstáculos que entorpecían a circulación. Na maioría dos casos debéronse a árbores ou pólas, así como á caída de cables, concretou o servizo de emerxencias.
A provincia da Coruña foi, durante a madrugada, a que concentrou o maior número de incidencias relacionadas coa meteoroloxía (109), seguida de Pontevedra (74), Ourense (69) e Lugo (55).
Os concellos que rexistraron máis incidentes foron Culleredo, Oleiros, Vilalba, Lugo, Pereiro de Aguiar, Verín, Salvaterra de Miño, Sanxenxo e Boiro.
NORMALIDADE NOS AEROPORTOS
Mentres, fontes de Aena sinalaron a Europa Press que tras as incidencias rexistradas ata a tarde do domingo, os tres aeroportos galegos operan "con normalidade" este luns.
En canto á subministración eléctrica, Unión Fenosa informou de que na mañá deste luns 4.315 clientes estaban sen subministración eléctrica debido á borrasca de vento e choiva.
AVISO LARANXA NA COSTA
O aviso laranxa continúa este luns decretado en toda a costa galega por ventos, que poderán alcanzar forza oito; así como mar combinado, que provocará ondas de ata seis metros de altura.
Segundo a información de Meteogalicia, este nivel de alerta por vento no mar será laranxa ata as 15,00 horas, momento no que amainará e quedará amarelo. Con todo, o aviso laranxa por mar combinado e grandes ondas manterase durante todo o luns.
Así mesmo, A Mariña e a Montaña de Lugo estarán en nivel amarelo entre as 12,00 e as 18,00 horas por ventos, que poderán alcanzar ata os 80 quilómetros por hora.
Tamén permanecerán en aviso amarelo as montañas de Lugo e Ourense, neste caso, por acumulación de neve, que poderá superar os cinco centímetros.
Escribe o teu comentario