A presión social paraliza a poxa dos xacementos de Pena Grande de Vilalba
Unha asociación cultural non cesa a recollida de apoios mentres "non se materialice de forma oficial" a súa entrega ao Concello.
Pena Grande. Foto: @obloque
O Ministerio de Facenda paralizará a poxa dos xacementos de Pena Grande de Vilalba, que se celebraría o próximo 15 de decembro, segundo informou En Marea nun comunicado.
En concreto, o partido instrumental explicou que o titular de Facenda, Cristóbal Montoro, mostrouse "receptivo" ante a petición do deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello que, durante o pleno, se achegou ao ministro para esixirlle "retirar de inmediato a poxa destes terreos e proceder a cederllos ao Concello de Vilalba ou á Xunta".
Así, o deputado por Lugo mostrou a súa "satisfacción por conseguir parar un auténtico despropósito" e agradeceu "a receptividade" do ministro, xa que, segundo a formación rupturista, aseguroulle que "faría xestións canto antes para solucionalo".
"A LOITA NON ACABA AQUÍ"
Con todo, a asociación Cultura do País decidiu manter a súa campaña de recadación de apoios mentres a paralización da poxa de Pena Grande "non se materialice de forma oficial".
"Valoramos positivamente que se estea considerando un retorno público" dos bens, expresou a asociación á vez que asegurou que "esperan que non sexan mensaxes que van máis dirixidas ao autobombo de quen non fixo nada ata agora" que a "dar unha solución efectiva deste despropósito".
Ademais, noutro comunicado remitido aos medios, Cultura do País asegurou que "a loita non acaba aquí", debido a que requiren "que se garanta que non se volven dar este tipo de situacións nas que o Estado fai caixa co patrimonio de todo o pobo galego e o entrega a intereses especulativos".
O PSDEG LAMENTA "O DESINTERESE"
Pola súa banda, o PSdeG advirte do "elevado interese arqueolóxico dun dos principais xacementos galegos" e lamenta, nun comunicado, o "desinterese mostrado ata agora" por parte do Goberno de Feijóo para o seu estudo e conservación.
Por iso, os socialistas reclaman a cesión dos terreos a mans públicas e instan á Xunta a que lle solicite ao Ministerio de Facenda que paralice a poxa.
A portavoz de cultura do PSdeG, Concepción Burgo, lembrou que é "a terceira vez que se leva a cabo un procedemento de poxa sen que ningunha administración pública mostrase ningún interese en paralo e poñer o xacemento a servizo da sociedade".
Escribe o teu comentario