Por cada dez galegos ás portas da xubilación chegan dous ao mercado laboral
O Instituto Galego de Estatística sitúa en número de afiliados á Seguridade Social a peche de 2016 ao bordo do millón.
En Galicia, por cada 100 persoas que están en idade próxima a abandonar o mercado laboral contabilízanse 19 que acaban de ingresar nel, segundo a estatística de emprego na Seguridade Social e mutualidades que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Así o reflicte o indicador de taxa de substitución da poboación afiliada, que compara a poboación afiliada menor de 25 anos e a poboación afiliada maior de 55.
Este indicador utilízase para comparar a poboación que acaba de ingresar como cotizante ao sistema da Seguridade Social e mutualidades coa que está en idade próxima a abandonalo e pasar á situación de pensionista.
CASE 1 MILLÓN DE AFILIACIÓNS
En Galicia, en decembro de 2016, rexistráronse 990.499 afiliacións á Seguridade Social, ISFAS, MUFACE e MUGEJU. En canto a afiliados, rexistráronse 961.219 nas distintas mutualidades. Con respecto ao mesmo mes do ano anterior, as afiliacións aumentaron un 1,82% e os afiliados un 1,68%.
As 990.499 afiliacións que houbo en Galicia en decembro de 2016 repartíronse entre agricultura e pesca (5,9%), industria e enerxía (13,2%), construción (6,9%), servizos (73,9%) e unha pequena porcentaxe das afiliacións (0,1%) que non foi posible asignar a ningún sector por falta de información.
Por seccións de actividade destacan a rama do comercio co 17,7% do total de afiliados e a rama da industria manufactureira que posúe o 12,2% do total de afiliados.
Escribe o teu comentario