'Nunca Máis', a orixe do posible 'Día da Dignidade Nacional de Galicia'
A Cámara debaterá a proposta do BNG para declarar o 1 de decembro este día conmemorativo
Durante o próximo pleno A Cámara debaterá, segundo confirmou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, a proposta do seu grupo político para declarar o 1 de decembro o ‘Día dá Dignidade Nacional de Galicia’, en honra á recoñecida manifestación ‘Nunca Máis’ que se produciu tras a catástrofe do Prestige.
“Miles de paraugas levantaron a dignidade do pobo galego”. Así lembrou Olalla Rodil a gran manifestación convocada o 1 de decembro de fai quince anos nas rúas de Santiago de Compostela, con motivo do fatídico desastre ambiental que arrasou as augas galegas. Rodil manifestou o seu desexo de recoñecer esta data e poñer en valor “a capacidade dos galegos para autoorganizarse ante situacións complexas como foi esta catástrofe.”
A viceportavoz do BNG non só destacou o orgullo do pobo galego e o sentimento de superación que alagou á comunidade tras a catástrofe; tamén sinalou como causa do recoñecemento desta data a impunidade de certos “responsables políticos” ante o Prestige, que mesmo “foron premiados cun ascenso”. Olalla Rodil exemplificou a súa crítica co entón membro do Goberno de José María Aznar, Mariano Rajoy.
A opinión do resto de grupos políticos
O portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, mostrou o seu interese en analizar esta proposta e lembrou a xornada organizada polo grupo socialista para este venres con motivo da catástrofe do Prestige.
O viceportavoz de En Marea na Cámara, Antón Sánchez ve “con simpatía” a proposta do BNG, tras lembrar “o paso adiante” que a sociedade galega deu o pasado 1 de decembro de 2002.
Por parte do PPdeG, o seu portavoz Pedro Puy remitiu ao que acorde o grupo maioritario para decidir o voto despois de analizar a proposta, aínda que indicou, como opinión persoal, que “o que celebran os pobos son as boas noticias e non os delitos ambientais que se cometen contra eles”.
Escribe o teu comentario