En Marea pide un trato especial no financiamento e o PP, "evitar que Galicia saia perdendo"
Yolanda Díaz proclama que pelexarán "contra quen sexa", mesmo dentro do grupo de Unidos Podemos.
A portavoz de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, reclamou "criterios especiais" para Galicia no debate de financiamento autonómico, unha postura que, segundo dixo, defenderán tanto ante o Goberno central como no seo do grupo confederal Unidos-Podemos.
A preguntas dos xornalistas, manifestou que "pelexarán para que isto sexa así e contra quen sexa" tras lembrar que En Marea forma parte dun grupo confederal "con intereses diversos", en alusión á presenza de representantes doutras comunidades como Valencia ou Cataluña.
Sobre este debate, insistiu en que ten que garantirse "unha nivelación" en servizos básicos e terse en conta "criterios especiais porque a praza dun dependente en Galicia non vale o mesmo que unha praza en Madrid", recalcou.
A deputada de En Marea expuxo tamén este será o seu posicionamento "se se abre o debate". Neste sentido, e ao cuestionar que este debate se abra xa, lembrou que o informe elaborado por expertos en materia de financiamento autonómico é "de antes do verán".
"O QUE MERECE"
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o Goberno galego "fai todo o posible" para que Galicia teña "o que merece e o que necesita" ante o debate aberto sobre o novo modelo de financiamento autonómico.
Rueda fixo estas declaracións nunha entrevista na que negou que a posición do seu partido vaia pesar máis que o "interese" da comunidade. "A Xunta fai todo o posible para evitar que Galicia saia perdendo", apostilou.
Escribe o teu comentario