"A desprotección das persoas sen fogar avanza por culpa dos recortes sociais"

O Concello de Santiago quere impulsar o Centro de Atención Integrada ás persoas sen fogar dentro deste mandato.


|

Senfogarsantiago 1Os participantes da Xornada. Foto: Concello de Santiago

A concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández, abriu esta mañá a 'II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela: Recursos Específicos', no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, onde manifestou que "a desprotección vai avanzando por causa dos recortes sociais e por iso para este Goberno é prioritario abordar a situación das persoas sen fogar".


Concha Fernández asumiu que "é preciso seguir traballando a favor do acceso á vivenda e combater a estigmatización que sofren estas persoas; eliminar esa liña imaxinaria que os separa do resto da cidadanía e deixar de pensar que iso non nos pode pasar a nós".


Para iso, pediu a corresponsabilidade das outras administracións para poñer en marcha políticas públicas eficaces. Por este motivo decidiuse dedicar a xornada deste ano aos recursos específicos e convidar a expertos que traballan noutros territorios para compartir os seus modelos e experiencias.


"UN PROBLEMA DE VIVENDA"


O coordinador do Plan de Loita contra o Senfogarismo de Barcelona 2016-2020, Albert Sales, foi o encargado do primeiro relatorio, no que empezou explicando que as persoas sen fogar non son un colectivo, senón persoas con moi diversa casuística ás que non se pode aplicar unha receita que funcione para todo o mundo.


Sales asegurou que "o problema do senfogarismo é un problema de vivenda; as persoas precisan dun espazo propio que lles dea estabilidade, onde teñan intimidade para reconstruírse; isto é moito máis importante que as axudas económicas ou o traballo para axudalos a volver a unha vida normalizada".


E mostrouse partidario de abrir centros de recursos específicos para cada grupo social: mulleres, mocidade, familias, parellas, xente con problemas de saúde mental... que permitan abordar con eficacia as distintas problemáticas e mellorar a convivencia e o intercambio entre estas persoas dentro dos centros.


TRANSTORNOS MENTAIS


Na seguinte mesa, Marco Antonio Luengo, director da área de Promoción Social do Concello de Avilés puxo o foco no traballo comunitario que se desenvolve nos barrios da cidade asturiana desde hai 12 anos, apelando á atención integral pero en contra dos centros integrais, en sintonía co expresado anteriormente por Sales, defendendo a creación de recursos específicos para cada grupo social.


Luengo presentou datos que comproban que na maioría dos casos os trastornos mentais severos que sofren as persoas sen fogar son anteriores á súa chegada á rúa, polo que apuntou á corresponsabilidade dos distintos departamentos (saúde, vivenda...) para lograr actuar antes.


PORTUGAL E CIDADES GALEGAS


A sesión de tarde virou ao redor da estratexia para as persoas sen fogar que acaba de aprobar Portugal e que foi presentada por Paulo Martins, psicólogo no programa Casas Primeiro. A continuación presentáronse os recursos locais que se destinan á atención do sinhogarismo en distintas cidades galegas. 


Na mesa estiveron Ana María González, tenente de alcalde de Lugo, que presentou o traballo que se realiza no Centro de Atención a Transeúntes; Teresa Regueira, traballadora social do Concello da Coruña, que atende o Centro de Baixa Esixencia en Monte Alto; e Paz Fernández, xefa dos Servizos Sociais do Concello de Vigo e responsable do Albergue Municipal desta cidade.


relacionada ​A Valedora arquiva os expedientes contra Santiago polas persoas sen fogar
relacionada O refuxio para persoas sen fogar da Coruña recibe 13 persoas cada noite

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE