Só Ciudadanos consegue rédito electoral no medio do desafío independentista catalán
PP e PSOE perden unhas décimas de estimación de voto e quedan a 3,8 puntos de distancia. Unidos Podemos é o partido máis castigado.
Manifestación da Diada.
O barómetro de opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do pasado mes de outubro, feito nos días posteriores ao referendo, mantén o PP como primeiro partido cunha estimación de voto do 28% e 3,8 puntos por encima do PSOE, que queda nun 24,2%.
Os dous partidos maioritarios baixan unhas décimas, pero a maior variación prodúcese en Unidos Podemos e as súas confluencias, que perden case dous puntos respecto da enquisa feita tres meses antes, e en Ciudadanos, que experimenta unha subida de tres puntos e alcanza o seu mellor rexistro desde as xerais de 2015.
A enquisa realizouse entre o 2 e o 11 de outubro, tras o referendo independentista do día 1 e recollendo nas últimas datas a declaración de independencia que fixo o president Carles Puigdemont e que suspendeu no mesmo discurso do día 10.
O PARO E CATALUÑA
Pero o barómetro do CIS tamén reflicte que a independencia de Cataluña irrompeu como segundo problema nacional. Mentres, o paro volve figurar como a preocupación maioritaria, pero marcando a súa cota máis baixa desde o inicio da crise económica.
En concreto, o desemprego é citado nun 66,2% dos cuestionados, mentres que nunha 29% figura a independencia de Cataluña que, no barómetro anterior unicamente se mencionaba no 7,8% e era o noveno problema.
Escribe o teu comentario