O 82% do facturado en Galicia por grandes industrias lévano empresas foráneas
Industrias con sede fóra da nosa comunidade ocupan case o 13% dos traballadores galegos.
O 81,9% do facturado en Galicia por industrias extractivas, de enerxía, auga e residuos lévano empresas con sede noutra comunidade, segundo os datos que publica este martes o Instituto Galego de Estatística (IGE).
En global, as industrias con sede noutra autonomía supoñen máis dun terzo (un 34,1%) da facturación do total de empresas que operan en Galicia, segundo a estatística de multilocalización empresarial do IGE, con datos correspondentes a 2015.
No que respecta a outras ramas, a metalurxia e fabricación de produtos metálicos (60,4%) e a madeira e cortiza, papel e artes gráficas (25%) son outras das que máis proporción do volume de negocio se vai a outra comunidade autónoma.
No tocante ao emprego, as industrias con sede fóra de Galicia ocupan o 12,9% dos traballadores de empresas con actividade en Galicia, de acordo coas cifras do IGE.
SEDE EN GALICIA E ACTIVIDADE FÓRA
Por outra banda, as empresas con actividade industrial e sede en Galicia que en 2015 realizaron algunha actividade económica noutra comunidade autónoma, o 6,9% do importe neto da cifra de negocios destas empresas facturouse fóra de Galicia.
Ademais, o 4,4% dos traballadores das empresas con sede en Galicia e actividade na industria estaba ocupado noutra comunidade autónoma.
Escribe o teu comentario