O SUP carga contra Noriega e Lores pola súa postura con Cataluña
O sindicato policial tacha de persoas "non gratas" aos alcaldes, que non apoiaron a actuación do un de outubro.
Fernández Lores e Martiño Noriega.
A comisión executiva federal de Galicia do Sindicato Unificado da Policía (SUP) definiu como persoas "non gratas" aos alcaldes de Pontevedra e Santiago, Miguel Anxo Fernández Lores e Martiño Noriega, respectivamente, por criticar o labor das forzas e corpos de seguridade do Estado durante o referendo do 1 de outubro en Cataluña.
Nun escrito presentado na Delegación do Goberno e remitido aos medios, o sindicato considera que "non é de recibo que autoridades políticas, que representan a toda unha cidade, se pronuncien e critiquen publicamente a actuación dos policías e os gardas civís en Cataluña.
En concreto, o SUP lembra que nos plenos de ambos os municipios, celebrados o día 19 de outubro, non saíron adiante senllas mocións de apoio aos labores dos axentes desprazados a Cataluña "polos votos en contra dos alcaldes destas cidades".
Todo iso, segundo criticou o sindicato, nun contexto no que se observa "un enorme clima de hostilidade" e "numerosos ataques" aos funcionarios deste corpo "polo simple feito de realizar o seu labor en defensa do Estado de Dereito".
Neste sentido, aseguran que os axentes foron "vítimas de insultos e mesmo agresións", que se lles "esnaquizaron os vehículos", que "foron rodeados durante horas" para "bloquear a súa saída". "Desaloxáronos dos establecementos hostaleiros" e sinalóuselles desde os medios da Generalitat, asegura o sindicato.
Escribe o teu comentario