Traballo a contrarreloxo para recuperar as zonas con máis de 300 hectáreas queimadas

A Xunta di que en mes e medio se terá actuado en todo o territorio máis afectado, pero os labores durarán ao longo de 2018.


|

Incendioquemado



Os traballos de recuperación nas zonas afectados pola vaga de incendios en Galicia comezarán de forma prioritaria nos 35 lumes que houbo de máis de 300 hectáreas.


Diso informou a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, en declaracións aos medios este luns tras unha reunión da mesa de coordinación tras os incendios, na que participaron diversos departamentos da Xunta e o presidente da Federación Galega de Municipos de Provincias (Fegamp), Alfredo García.


Estas actuacións --ás que a Xunta destina tres millóns de euros-- realizaranse nos 125 concellos afectados polos lumes, pero primeiro terán lugar nas zonas "de máis superficie" co obxectivo de "ser os máis áxiles posibles", segundo explica o director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto.


BARREIRAS ANTE RIADAS E PALLA


Neste sentido, "hai moita afectación de zonas preservadas a nivel medio ambiental", como Os Ancares e O Xurés, mentres se prestará especial atención a "algo fundamental" como son os bancos marisqueiros, con "moita cautela" para que "non sufran afección". Para iso, instalaranse "distintas barreiras para frear se veñen riadas", mentres "se colocarán mallas de xeotextil á beira das rías e o mar", explica Ángeles Vázquez.


Os técnicos estudarán como actuar en función das pendentes, así como levar a cabo a denominada técnica de 'mulching' --que consiste en cubrir de palla o chan de zonas queimadas para protexelo da erosión e evitar o arrastre de terras por choivas--.


"Pero non botar palla por todo o territorio a varrer, que mesmo pode ser prexudicial naquelas zonas onde pode haber un maior arrastre", aclara a responsable de Medio Rural.


Tamén reflexiona Ángeles Vázquez sobre que o voluntariado é "moi importante", pero coordinado e con estudos "do que se pode e non se pode facer".


"É un traballo moi importante que temos que facer e no cal non podemos fallar", deixa claro, polo que debe haber "unha perfecta coordinación e nada de improvisación".


O obxectivo é que en "mes e medio" actuouse xa en todo o territorio de maior afectación, pero "ao longo do próximo ano" deberanse "tomar moitas medidas" como poidan ser curtas de madeira necesarias ou traballos de canalización.


De tal forma, irase analizando zona por zona, xa que hai "incendios que foron rapidísimos". "Poida que a zona se rexenere soa e non teñamos que actuar, porque a natureza é sabia".


OPINIÓN SOBRE MANIFESTACIÓN


A preguntas sobre a manifestación do domingo en Santiago na que miles de persoas denunciaron a política forestal da Xunta, a conselleira limitouse a dicir que "cada un é libre de ir a unha manifestación".


"Se cunha manifestación se conseguise que non houbese lumes, que non houbese incendiarios ou conseguísemos delatar aos incendiarios, crédeme que eu son a primeira que me poño diante dunha pancarta", agregou.


MUNICIPIOS CUN "PROBLEMA FINANCEIRO"


Para levar a cabo todos estes traballos os concellos realizarán unha base de datos cos danos municipais que será remitida a Medio Rural para "tentar paliar o desastre".


Así o expuxo o presidente da Fegamp, Alfredo García, quen apunta que estas actuacións teñen que ser "contrarreloxo" para que "todo estea planificado" en mes e medio, e "evitar males maiores coa chegada das chuvias".


García avanzou que a partir do mércores prevé realizar reunións cos alcaldes por zonas para recompilar toda a información. Tamén resalta que máis aló de inmobles, hai estradas e captacións afectadas, polo que prevé "un problema financeiro gordo nalgún dos concellos para tentar resolver" as afeccións. Con todo, aínda non hai constancia de que "houbese grandes danos" por chuvias.


O martes haberá unha reunión da Fegamp na Coruña coa Delegación do Goberno para coñecer "cantas e cales" son as axudas do Executivo central.


LIMPEZA DE FRANXAS


Xunto a isto, o presidente da Fegamp fixo un chamamento ao diálogo coa Xunta, debido a que: "Os concellos, cos recursos que temos, non somos quen de que as franxas de protección dos 30.000 núcleos estean limpas".


A este respecto, considera que é necesario "reformular" as brigadas municipais, tanto en función como financiamento. Cre que "non pode ser" que o diñeiro que reciben as administracións locais estea ligado aos traballos de limpeza, pois "moitas veces non poden rozar", e os municipios deixan "de percibir o diñeiro que ten que percibir", "e iso xera unha especie de inseguridade económica para os concellos".


"Non quero entrar en máis polémicas, non tocan máis polémicas", resolveu. "Sentemos, falemos e tentemos chegar ás solucións entre todos para que o que o que sucedeu o 15 de outubro non volva suceder", concluíu.


relacionada Chega a Galicia axuda humanitaria e veterinaria tras a vaga de incendios
relacionada A Xunta planea 'limpar' parcelas abandonadas e cobrar despois aos propietarios
relacionada Apagar incendios e recuperar os danos custa cada ano centos de millóns a Galicia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE