A Xunta asume como inevitable que Galicia debe "aprender a vivir coa seca"

O Executivo insisten na necesidade de aumentar a contratación de seguros agrarios, que caeu un 12% desde 2013.


|

DepositoaguaDepósito compartido entre gandeiros e medios de extinción.


A cifra de seguros agrarios contratados en Galicia diminuíu un 12% entre os anos 2013 e 2016, segundo os datos da Administración galega, un período no que os sinistros comunicados se incrementaron en algo máis dun 27%.


Así o reflicten os datos esgrimidos este venres pola directora xeral de Gandaría, Belén do Campo, durante a súa comparecencia na Comisión de Agricultura para responder a unha pregunta formulada polo deputado socialista José Antonio Quiroga.


En concreto, os seguros agrarios contratados en Galicia pasaron de algo máis de 61.000 en 2013 a uns 53.500 en 2016, o que supón unha diminución do 12 por cento. O capital asegurado tamén caeu durante estes anos, de 622 millóns a 610. No que vai de 2017, cos datos aínda sen pechar, rexístranse case 46.000 contratacións, cun capital de 521 millóns de euros.


ELEMENTO "CLAVE"


Durante a súa intervención, o deputado socialista lembrou os problemas sufridos polas explotacións agrogandeiras galegas nos últimos meses, desde as xeadas, á sarabia, pasando pola seca, así como por ataques de animais salvaxes e por incendios forestais, entre outras cuestións.


Para facer fronte "a estes reveses", Quiroga reivindicou os seguros agrarios que, con todo, admitiu, para ser "eficaces" deben "estar en continuo proceso de evolución" de acordo coas características do propio sector galego.


CONVIVIR COA SECA


A directora xeral de Gandaría respondeu tamén este venres en Comisión a unha pregunta formulada polo deputado de En Marea David Rodríguez sobre as consecuencias da seca para as explotacións galegas.


Durante a súa intervención, Rodríguez apuntou que Galicia vive unha situación de seca que "debería combaterse con maior contundencia" e con "unha estratexia de futuro" que permitise facer fronte ás súas consecuencias negativas. Para iso, pediu "medidas a longo prazo" que teñan unha "especial atención á agricultura".


O deputado de En Marea criticou, ademais, as axudas postas en marcha recentemente pola Xunta, que "xa existían" e que "só son parches que non supoñerán nada para a maior parte das explotacións", sentenciou. En contraposición, defendeu as "axudas directas" para adquisición de forraxe, pago de cotas ou abastecemento de auga, entre outras cuestións.


Durante a súa réplica, Belén do Campo reiterou a utilidade dos seguros agrarios para paliar situacións negativas xeradas pola seca nas explotacións gandeiras e agrícolas, á vez que advertiu de que o control e seguimento ten que ser máis intenso dado que Galicia debe "aprender a vivir coa seca".


"Coa seca imos ter que aprender a convivir", dixo, á vez que apostou por "intensificar a periodicidade do seguimento" e establecer medidas de contención do uso da auga na medida do posible, xunto con medidas de concienciación.


relacionada As chamas deixan sen herba para afrontar o inverno a gandeiros de Chandrexa
relacionada Denuncian "o uso e o abuso por parte de Ence do caudal do Río Lérez"
relacionada Dez consellos para aprender a aforrar auga e dez motivos para poñelos en práctica

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE