Colectivos animalistas logran 3.500 firmas en 72 horas contra os malos tratos a cabalos

Libera e a Fundación Franz Weber lanzaron unha campaña en Change.org, ante a exclusión na Lei de Benestar Animal.


|

Caballomonte



Os colectivos animalistas conxuráronse para reverter os aspectos que consideran negativos da recentemente aprobada Lei de Benestar Animal no Parlamento de Galicia, tendo en conta que aínda non foi publicada no Diario Oficial de Galicia nin se iniciou a conta atrás para a súa entrada en vigor.


Así, a asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber, segundo indicaron nun comunicado conxunto, xa lanzaron a súa primeira campaña, co obxectivo de "blindar" a protección dos équidos no ordenamento xurídico autonómico, xa que o novo texto lexislativo exclúe, lamentaron os animalistas, a esta especie ao existir normas sectoriais xa aprobadas nestes últimos anos.


A campaña, baixo o lema 'Salva Cabalos', iníciase cunha recollida de firmas na coñecida plataforma de activismo dixital Change.org, que xa foi empregada por estas organizacións para presionar sobre o uso de animais en circos ou contra a pervivencia das corridas de touros, sumando a día de hoxe e só en 72 horas máis de 3.500 rúbricas de persoas preocupadas por "un grave panorama de malos tratos e crueldade".


Neste sentido, os animalistas realizaron unha rápida relación das situacións de malos tratos cara aos cabalos que se deron en Galicia desde 2011, cunhas 153 denuncias por colocación das coñecidas como 'trancas' ou 'pexas' nas patas dos équidos, pasando polo tiroteo de animais ou o uso de lazos de caza ilegais que acaban seccionando as extremidades a estes seres vivos, provocando casos, denunciaron os animalistas, de "auténtico sadismo".


"Nos últimos anos, e en parte por obrigación da Comisión Europea, a Xunta elaborou diferentes decretos lexislativos sobre a ordenación do chamado gando equino, incluíndo disposicións como a obrigada identificación dos cabalos ou prohibindo explicitamente os elementos e aparellos que os inmobilicen", explicaron os animalistas, para logo engadir que, na práctica, estes contextos de malos tratos "repetíronse con asiduidade e non parecen existir contramedidas".


Tampouco se esquecen Libera e FFW da proposición aprobada na cámara galega en 2013 na cal se pedía ao executivo a adopción de medidas para combater os malos tratos aos équidos, sen que a día de hoxe, lamentaron, puxéronse en marcha as accións "suficientes".


relacionada O PP aproba en solitario a lei de benestar animal que esquece os touros

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE