O Celta rebaixa as entradas para que Balaídos non se vexa baleiro na tele
A liga, que establece horarios intempestivos para os partidos, ameaza con sancionar o club vigués pola baixa afluencia ao estadio.
A Liga de Fútbol Profesional, a mesma que fixa os horarios e os días dos partidos, ás veces intempestivos, ten previsto multar ao Celta pola baixa afluencia de afeccionados ao estadio.
E é que a patronal do fútbol esixe desde a tempada pasada que as bancadas que se ven pola televisión estean ocupadas polo menos nun 70%. Unha cifra que o Celta non conseguiu alcanzar xa en dous partidos da competición deste ano.
Non transcendeu a contía da sanción, pero o club vigués xa tomou medidas. A primeira é rebaixar as entradas para o próximo encontro que disputan na casa, na visita do Xetafe (outro equipo que adoita lucir bancadas baleiras) entre semana.
Os prezos van para este encontro dos 10 aos 25 euros para os menores de 25 e dos 15 aos 40 para os maiores, en función da bancada elixida.
Escribe o teu comentario