España reafirma ante a República Checa o bo arranque do Eurobasket
(56-93). A selección volveu gañar por case 40 puntos de diferenza e agora descansa como líder de grupo ata o luns.
Ricky Rubio foi clave ao comezo do choque. Foto: FIBA
Tras o seu debut cunha vitoria contundente contra Montenegro (99-60), España sumou este sábado o seu segundo triunfo deste Eurobasket sobre República Checa, cun 56-93 no marcador.
Unhas cifras que lle permiten descansar ata o luns como líder do grupo C, cando se terá que medir a Romanía.
O partido estivo encamiñado desde o primeiro cuarto, onde a selección imprimiu un ritmo alto e aproveitouse dunha puntería envexable. Ricky Rubio aproveitou os primeiros minutos para demostrar o seu bo momento.
Só no primeiro tempo, a diferenza de altura por dentro a favor de España serviu para facerse con nada menos que 16 rebotes e chegar ao descanso con 33 puntos arriba.
De modo que de cara ao resultado final do partido, os segundos 20 minutos foron un trámite, excepto porque a selección mantivo o ritmo e a intensidade defensiva e Scariolo puido probar variantes atrás e dosificar minutos.
España chega á súa primeira xornada de descanso con dous de dous e unha elevada media anotadora de 96 puntos por partido. O luns, o rival será Romanía.
Escribe o teu comentario