Alerta laranxa por calor no sur de Lugo, Ourense e Pontevedra
As temperaturas poden alcanzar os 40 graos. Desde o 112 lembran a importancia de seguir os consellos habituais nestas situacións.
Sombra e hidratación, principais consellos.
A Xunta activa este luns a partir das dúas da tarde a alerta de temperaturas máximas correspondentes ao nivel laranxa no ámbito xeográfico do sur de Lugo, zona do Miño e sur de Ourense e zona do Miño de Pontevedra.
En concreto, as temperaturas poderán alcanzar valores que rolden os 40 graos, segundo indicou o Goberno galego nun comunicado.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112 Galicia, informou da situación ás zonas onde están decretadas as alertas laranxas e amarelas, aos concellos, policías locais, servizos provinciais de Protección Civil e aos bombeiros, entre outros.
Ante este episodio de temperaturas máximas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior propón unha serie de consellos e recomendacións, como limitar a exposición ao sol e permanecer en lugares protexidos do sol o maior tempo posible e mantelos ben ventilados.
Así mesmo, pediu aos cidadáns que teñan en conta que ao entrar e saír destes lugares prodúcense cambios bruscos de temperatura que poden afectar o noso corpo.
Tamén recomendou inxerir comidas lixeiras e regulares, así como bebidas e alimentos ricos en auga e sales minerais, como as froitas e hortalizas, as cales axudan a repoñer os sales perdidos pola suor.
Ademais, recomenda vestirse con roupa adecuada de cores claras, cubrindo a maior parte do corpo, especialmente a cabeza. Outro dos consellos é evitar os exercicios físicos prolongados nas horas centrais do día.
De igual modo, lembra a importancia de prestar atención ás persoas maiores e enfermas próximas que vivan soas ou illadas, así como nunca deixar a nenos nin persoas maiores no interior dun vehículo pechado.
Escribe o teu comentario