Wenger ábrelle a porta de saída a Lucas Pérez
O técnico cede porque conta con moitos dianteiros. Na Coruña, Andone é dúbida para o domingo contra o Madrid.
Lucas Pérez, co Arsenal.
O técnico do Arsenal, Arsene Wenger declarou publicamente que lle abriu a porta de saída a Lucas Pérez porque conta con moitos dianteiros. "Se xorde unha boa oportunidade axudarémoslle", afirmou.
Mentres, na Coruña, Andone é dúbida para a estrea ligueira do domingo ante o Real Madrid por problemas físicos. O dianteiro adestrou este mércores á marxe do grupo e está pendente de probas médicas para determinar o alcance da súa doenza, co ruxerruxe da tan temida pubalxia. Así que Pepe Mel poderíase ver obrigado a poñer unicamente a Adrián na punta do ataque.
Sobre o partido do domingo e ante a presión aos árbitros que empezou Zidane tras a ida da Supercopa falou Arribas. O xogador non cre que as críticas do adestrador vaian determinar o encontro, pero si dixo desexar que os árbitros "este ano nos dean un pouco máis". "Temos que mirar por nós. Hai tempadas que che quitan máis e outras che dan", dixo.
Sobre as aspiracións, o deportivista explica que "houbo cambios e teremos que ir vendo cal é o noso sitio. Creo que temos un bo persoal e podemos aspirar a algo máis. Non é difícil porque fixemos poucos puntos, pero o obxectivo é ter un ano tranquilo".
Escribe o teu comentario