O PSOE fíxase en Alemaña para unha reforma federal de España
Repróchanlle ao PP unha "actitude reiterada de obstrucionismo e oposición frontal a calquera tipo de cambio ou avance".
O portavoz do PSOE e alcalde de Valladolid, Óscar Puente, insiste na necesidade de levar a cabo unha reforma constitucional para solucionar o problema de Cataluña, pon a Alemaña como referencia de Estado federal que funciona e pídelleao PP que tome decisións para darlle un novo marco de convivencia a España. Na súa opinión, os populares acabarán por darse conta de que teñen que levar a cabo unha reforma da Carta Magna e cre que se acabarán apropiando dela: "acabarán sendo o pai da criatura".
O dirixente socialista explica que non lle corresponde ao seu partido decidir que artigos da Carta Magna hai que reformar, por iso, insta a todos os partidos a "sentar e ver" dunha maneira consensuada que aspectos da Constitución requiren cambios e cales concitan o suficiente acordo para ser modificados.
En especial, insta o Partido Popular a "aproveitar" que hai partidos suficientemente maioritarios como para darlle un "novo marco de convivencia a este país" en lugar de ter unha "actitude reiterada de obstrucionismo e oposición frontal a calquera tipo de cambio ou avance".
Neste sentido, di lamentar que o PP sempre ten a mesma reacción cando hai que abordar un cambio para a sociedade e pon como exemplo a reforma da Constitución española: "primeiro oponse, cando as cousas podrecen e non queda máis remedio que aceptalas, acéptaas e logo acaba sendo o pai da criatura".
"NA MONCLOA FUMANDO UN PURO"
Óscar Puente cre que no caso da reforma da Constitución ocorrerá o mesmo e o PP, que agora se nega, "nalgún momento darase conta de que o problema de Cataluña non se vai solucionar na Moncloa fumando un puro". Cando iso ocorra, afirma, os populares "acabarán sendo os pais da criatura".
Con todo, o portavoz socialista pide "tranquilidade" co modelo territorial, porque "nada vai cambiar radicalmente salvo que a inmensa maioría o queira" xa que para facer modificacións da Carta Magna primeiro, precisa, ten que haber unha Comisión de Estudo da reforma constitucional. Cre que "ao final, como na transición, como no 78", chegarase a unha solución "máis ou menos compartida" polo conxunto das forzas políticas e da cidadanía.
Escribe o teu comentario