Dous lugueses agrediron cunha arma de fogueo un mozo de 23 anos
Cren que se trata dun "axuste de contas" relacionado coas drogas, porque os agresores teñen antecedentes.
Os agresores están identificados, pero non detidos.
A Policía Local de Lugo informou da instrución de dilixencias contra dous homes que agrediron un veciño cunha arma de fogueo na cabeza e propináronlle varios golpes, nun enfrontamento que se iniciou en redes sociais.
Segundo informa a Policía Local, a agresión ocorreu no barrio do Sacro Corazón, nas proximidades da Igrexa. O aviso, que foi recibido ás 17,18 horas do martes, informaba de que catro persoas estaban a agredir a un mozo. Denunciábase que portaban, supostamente, unha arma de fogo, porque se escoitou unha detonación e o agredido sangraba pola cabeza.
Os axentes desprazáronse ao lugar e localizaron un mozo desorientado, tremendo e aparvado, cun golpe na cara. Foi identificado como un veciño de Lugo, C.G.L., de 23 anos de idade. O agredido explicoulles aos axentes que momentos antes fora agredido e que utilizaran unha arma de fogueo contra el.
ANTECEDENTES
Os axentes iniciaron a continuación a pertinente investigación, podendo saber, a través de testemuñas presenciais que, nun primeiro momento, había catro mozos no altercado. Un deles portaba unha pistola de fogueo coa que encañonou o agredido na fazula, á vez que lle dicía "voute matar".
Despois, colocoulle a arma na cabeza e disparoulle, ocasionándolle lesións e provocando a súa caída ao chan, onde foi despois golpeado polos integrantes do grupo.
Amigos da vítima identificaron os autores da agresión como B.N.S. e o seu irmán J.N.S., veciños de Lugo. Segundo a información solicitada pola Policía, a agresión derivábase dun enfrontamento a través das redes sociais.
A Policía Local informou que un dos autores da agresión xa participara noutro altercado o luns na rúa Bispo Aguirre, onde tamén foi identificado e denunciado por un membro da Policía de Barrio por infrinxir a lei de Seguridade Cidadá por alterar a orde pública.
ASUNTO DE DROGAS
O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, asegurou que a agresión puido obedecer a "un axuste de contas" por "un asunto relacionado con drogas".
Baséase para iso en que "as persoas que participaron nesa pelexa, todas elas teñen antecedentes penais relacionados con delitos e algún por tráfico" de sustancias estupefacientes.
O subdelegado aclarou que "os agresores están perfectamente identificados e están á espera de que se lles deteña e tomarlles declaración, e se fose preciso pasalos a disposición xudicial".
Escribe o teu comentario