A Deputación de Ourense retíralle por fin a Medalla de Ouro a Franco

O ditador mantivo durante sesenta anos a distinción provincial, a última que lle quedaba en Galicia.


|

Franco 1Franco perde a Medalla de Ouro da Deputación de Ourense. 


A Deputación de Ourense acordou por unanimidade retirarlle a Medalla de Ouro da provincia ao ditador Francisco Franco, sesenta anos despois de aprobar a concesión da primeira distinción.


Era a única institución provincial que aínda mantiña este recoñecemento a Franco. A retirada aprobouse por unanimidade, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica e como homenaxe ás vítimas da Ditadura.


"Os tempos son chegados", sinalou en referencia ao himno galego o portavoz socialista Francisco Civeira, que defendeu a retirada deste galardón como "un exercicio de memoria histórica, xustiza e de rehabilitación dos perseguidos polo fascismo".


Civeira lembrou que a concesión da medalla produciuse en xullo de 1956, con motivo da visita de Franco á provincia para inaugurar a liña férrea entre Sanabria e O Carballiño, e que a súa retirada é un símbolo de que as institucións públicas "deben ter un posicionamento claro de condena ao golpe do 36 e á Ditadura".


LEI DE MEMORIA HISTÓRICA


Na súa intervención, o portavoz popular Plácido Álvarez confirmou o apoio da súa formación, "non podía ser doutra forma", en cumprimento do artigo 15 da Lei da Memoria Histórica, e lembrou que "calquera recoñecemento ao Ditador e ao franquismo están completamente borrados nesta institución".


Álvarez reiterou o rexeitamento do PP á ditadura franquista, pero "tamén a calquera outra forma de goberno ou imposición aos cidadáns onde non haxa plena liberdade de expresión e pensamento".


O portavoz do BNG, Ramiro Rodríguez, apuntou a necesidade de seguir avanzando na condena ao réxime franquista e puxo como exemplo Alemaña, "onde a apología do nazismo é un delito con penas de prisión por negar en público e privado os actos do nazismo".


Rodríguez lamentou que en España "a lei non contempla a apoloxía do franquismo", o que "permite que cada 20 de novembro" haxa actos de homenaxe no Valle dos Caídos, "misas polo descanso do genocida" ou "actos de exaltación coma o que se vive cada ano en Beade (Ourense)", que considera "deberían ser sancionados de forma inmediata".

relacionada A Fundación Francisco Franco faise coa xestión das visitas a Meirás
relacionada O Val dos Caídos, un buraco millonario nas contas de Patrimonio

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE